Nos últimos anos o capitalismo neoliberal pisou o acelerador a todo gas para producir a maior acumulación de capitais da historia. Dende 2017 as rendas máis ricas do estado español, as do 1% máis rico, medraron un 43%. Este proceso seguiu parámetros similares en case todo o bloque occidental. É ben sabido que estes ricos pagan menos impostos que as rendas máis pobres.
Debemos notar tamén que esta disparidade foi acelerando baixo varios gobernos progresistas como o de Pedro Sánchez, Joe Biden ou Olaf Scholz. É que a cor política non cambiou a relación dos estados co capitalismo, pois os estados non son máis que expresións e estruturas político-administrativas da clase dominante.
A escala global, e en concreto de Occidente, o problema máis apremante é o da vivenda. Isto ten varias orixes. A primeira foi o estoupido da burbulla especulativa de 2008. A banca quedou con millóns de vivendas que non podía vender. Os estados rescatárona convenientemente con toneladas de diñeiro público e entraron en escena os fondos de inversión. A intervención destes fondos foi masiva, sistemática e desapiadada, utilizando prácticas monopolísticas e a miúdo mafiosas para quedarse co patrimonio.
Outras das causas dos nosos problemas actuais neste respecto foi a irrupción do piso turístico. Até a entrada no xogo das plataformas, fixérase de xeito sostible. Pero dende 2016 aproximadamente, disparouse o número de pisos turístico no centro das cidades máis importantes. Isto contribuíu á escaseza de pisos en alugueiro e eventualmente á suba xeral dos prezos. Os grandes capitalistas lanzáronse a promover o piso turístico, dada a súa popularidade. Non hai nin que dicir que a orixe de todo é a xeneralización dos voos low-cost, por moi insostibles que sexan para o planeta.
Engadamos outro factor á ecuación, e é que o rendismo é unha manifestación da caída da produtividade doutras actividades económicas. É unha forma residual previa ao capitalismo que pola súa natureza non determina o funcionamento ou a saúde do Capital.
A situación chegou a un punto de abafamento de grandes capas da poboación. Cada vez hai máis dificultades para cubrir os alugueiros e chégase ao punto de ter que dedicar case todo o salario para poder ter un teito. Tanta presión comeza a ter un obxectivo concreto: a folga de alugueiros.
E que pinta o sindicalismo en todo isto?
A crise do 2008-12 tivo o efecto de paralizar o movemento obreiro organizado. Se ben nalgúns estados produciuse unha vaga de folgas (Grecia, Francia…), o capitalismo aproveitou a conxuntura para facer limpeza e someter aínda máis aos sindicatos máis importantes de cada sitio. A lexislación fíxose máis restritiva para a clase obreira, e ás organizacións sindicais maioritarias metéuselles na cabeza que debían contribuír a saír desta crise. A crise da pandemia tamén tivo ese efecto.
O resultado foi unha perda de poder adquisitivo dende hai anos. Se os datos macroeconómicos dan a aparencia dunha mellor economía, a realidade cotiá indica o contrario. Isto non fixo máis que aumentar o desinterese polas políticas de esquerda feitas dende arriba. É o caldo de cultivo ideal da ultradereita.
Pero hai outros xeitos de afrontar a situación. Se cara á metade da década pasada o movemento obreiro tocou fondo, tamén hai que recoñecer que nos Estados Unidos comezou unha recomposición do sindicalismo que acadou bastantes vitorias. A última, o aumento salarial do 35% tras da folga de 5 semanas do persoal do xigante aeronáutico Boeing.
Podemos observar que nun contexto de paz social o sindicalismo de concertación negocia os convenios á baixa, mentres que nun contexto de conflito laboral, a negociación vai a máximos.
Neste contexto de conflito pódese dar outra saída ao problema da vivenda, posto que dende o sindicalismo tamén dicimos que todo isto non é máis que un problema salarial. Se cobrásemos un 50% máis pagariamos os alugueiros sen grandes inconvenientes. Facelo deste xeito sitúa no centro a loita capital-traballo e pon o foco na patronal, até agora ausente no conflito arredor do rentismo e a propiedade das vivendas.
Como desenvolvemento da idea anterior, xusto agora, calquera medida gobernamental faise de xeito que desactive o conflito co diñeiro. Como xa fixeron varias medidas deste tipo, todo o mundo ve que isto non fai máis que empeorar o problema. O Goberno non quere regular o rendismo, xa que a clase social que o sustenta vive del. Pero está atopando unha resposta cidadá que o pode facer recuar. Veremos.
A nosa misión neste contexto, como dixemos, será a de abrir unha nova fronte mediante a esixencia de aumentos salariais significativos e consistentes en todos os convenios e empresas. Sairán á luz moitas contradicións, como empresas economicamente inviables, a desafección de determinados sindicatos, ou unha resposta agresiva da patronal e os seus lacaios. Isto non exclúe, como é lóxico, outras medidas que propoña o movemento da vivenda, que adoitan ir na vía da rebaixa dos alugueiros.
Ante o previsible argumento de que lograr un aumento salarial pode disparar a inflación e con ela os propios alugueiros, haberemos ter en conta que ese aumento se produciría por medio da loita nas empresas.
Ante a alianza entre o movemento da vivenda e o sindicalismo, debemos ofrecer o noso apoio para que despegue o conflito e para que o movemento se estruture mellor e se vincule co movemento obreiro, que historicamente fixo protestas contra a suba dos prezos e por unha vivenda accesible. Debémonos entender mutuamente como organizacións de clase e evitar a todo custo a imposición do pensamento de «clase media» e ascenso social que caracterizou á esquerda alternativa do ciclo político anterior. A saída é colectiva e é de clase obreira.
Miguel G. Gómez, Secretario Xeral da Confederació Regional del Treball de Catalunya-Balears