A CNT Galiza presenta o próximo sábado 26 de abril o Centro de Estudos Anarcosindicais da Galiza na cidade da Coruña.

Iniciamos así o que será unha programación aberta ao público, coa que agardamos poder abordar asuntos de interese para o conxunto da clase traballadora.

Aínda que a CNT xa conta cunha axenda formativa interna dirixida a capacitación no ámbito sindical, somos conscientes da necesidade de ampliar as materias de estudo. É por iso que promovemos esta posibilidade de realizar actividades que nos permitan compartir coñecementos e experiencias con colectivos e persoas afíns.

Nesta primeira ocasión, abordaremos os problemas ecolóxicos dende o punto de vista da economía e do traballo. Ante a urxencia de facerlle fronte á falsa transición ecolóxica axustada ás necesidades do capital, trataremos de visibilizar aquelas experiencias e alianzas orientadas ás necesidades da maioría social.

Contaremos connosco con persoas e colectivos cuxas traxectorias os avalan e fan de especial interese:

16.30h Presentación do CEAG (S. Formación) e charla

Damián Copena (Departamento de Economía aplicada, USC). Achegaranos ao que posiblemente sexa o desafío dos nosos tempos dende o contexto galego e a economía ecolóxica.

18:30h Mesa redonda

Amalia Checa – CNT Huesca.

Do macromatadoiro máis grande de Europa ás estacións de esquí: a explotación do medio e das traballadoras (e a súa organización).

Arturo Martínez – Ecoloxistas en Acción.

Por un cambio de modelo produtivo e social que rache co mito de que só crecendo máis se pode vivir mellor.

Sinda Somoza – Plataforma Ulloa Viva.

As masivas mobilizacións contra Altri deixan claro que a súa instalación non responde ás nosas necesidades.

O acto terá lugar o próximo sábado 26 de abril na Coruña, no Centro Ágora – Aula 14, Lugar da Gramela 17, A Coruña.

Podes achegarte:

Bus urbano: 7, 12A*, 14*(*paradas cercanas ás estacións de tren e autobús)

Estación BiciCoruña (con bicis eléctricas)

Call Now ButtonChámanos