CNT participa da convocatoria dunha gran manifestación en defensa da CRTVG para o 6 de novembro

  • Máis de 30 organizacións do país chaman á cidadanía a tomar as rúas de Compostela para rescatar a TVG e a RG do secuestro do executivo galego

CNT, o Comité Intercentros da CRTVG e máis de trinta organizacións e colectivos
políticos, sindicais e sociais galegas convocan unha gran manifestación que terá lugar o vindeiro domingo, 6 de novembro, nas rúas de Compostela baixo o lema “Por unha CRTVG ao servizo do pobo”.
Os convocantes recollen nun manifesto as demandas colectivas que teñen en común, consideran que o executivo galego mantén secuestradas a radio e a televisión públicas de Galiza, antepoñendo os intereses do Partido Popular aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público.
Neste contexto de deterioramento progresivo da CRTVG e de abandono das misións que ten encomendadas, chaman á sociedade galega a saír ao rescate dos seus medios e manifestan a súa firme vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública que difunda contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, como a igualdade e a non discriminación, e a calidade da propia democracia.

Demandan ademais unha programación que preste especial atención á infancia e á mocidade, que promova e defenda a identidade, a cultura e a lingua propias de Galiza, que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente, e que erradique dunha vez por todas a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais.

Instan tamén aos poderes públicos de Galiza ao cumprimento da normativa do sector audiovisual público galego, nomeadamente a designación por unha maioría cualificada do Parlamento do Director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, a quen acusan de ser designado a dedo hai 13 anos polo noutrora presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a quen consideran expresión dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público.
A partir de agora poderanse seguir nas redes sociais todos os contidos relacionados con esta manifestación a través do Facebook Por unha CRTVG ao servizo do pobo, e das contas de Twitter e Instagram @RescataraCRTVG.
Organizacións:

Comité Intercentros da CRTVG, A Mesa pola Normalización Lingüística, Anova-Irmandade Nacionalista, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritores en LIngua Galega, Asociación de Gaiteiras Galegas, Asociación de Profesionais da Rama Artística e da Dobraxe de Galicia APRADOGA, Asociación Lucenza Nigrán, Asociación pola Defensa da Ría, Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Avante LGTB+, BNG, CCOO, CGT, CIG, CNT, CUT, Defende a Galega, Erguer, Esculca, Federación Rural Galega (FRUGA), Fundación Luís Tilve, Fundación Moncho Reboiras, InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, Mulheres Nacionalistas Galegas, Músicas ao vivo, Plataforma Feminista Galega, Plataforma Queremos Galego, Plataforma SOS Sanidade Pública, Plataforma Veciñal Mina Touro-O PINO NON, PSdeG-PSOE, REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), Sindicato Ferroviario, Sindicato Labrego Galego, SOS Ficción en Galego, UGT-Galicia, Vía Galega.

 
Facebook Por unha CRTVG ao servizo do pobo
Twitter e Instagram @RescataraCRTVG

Call Now ButtonChámanos