- Neste importante comicio valorouse a marcha do sindicato no último ano e fixouse o plano estratéxico para o 2024.
- Aumenta a expansión territorial na Galiza coa creación dos novos sindicatos CNT Coruña e CNT Ourense-Allariz.
A CNT de Compostela celebrou o sábado pasado día 21 de outubro a súa Asemblea Xeral anual con toda a afiliación do sindicato. Durante esta reunión valorouse a actividade desenvolvida ata o momento e elaboráronse os planos de traballo para o futuro.
Segundo a orde do día expuxéronse os informes das diferentes secretarías e as múltiples ponencias con propostas de organización, melloras e actividades para o futuro da organización.
O acordo de maior relevancia, fruto do esforzo e crecimento da afiliación e militancia, foron a constitución como sindicatos da CNT Coruña e da CNT Allariz-Ourense, sendo este un paso importante na implantación e expansión do modelo sindical da CNT na Galiza.
Tomáronse tamén importantes acordos estratéxicos a desenvolver durante o ano 2024 e que se esperan que sexan a base da estrutura de crecemento sindical e territorial da CNT no futuro. En primeiro lugar, tomáronse acordos respecto do desenvolvemento sindical dos acordos do XII Congreso da CNT, constituíndose grupos de traballo para a ampliación dos dereitos das seccións sindicais e da súa capacidade de negociación colectiva, para a implementación dunha efectiva acción social da CNT e para a posta en práctica na Galiza da Axenda 2036, o plan de desenvolvemento revolucionario que a CNT aprobou no Congreso de Canovelles.
Tamén se aprobou un plan de ampliación do Gabinete Sindical e do Gabinete Xurídico, posto que se entendeu que estes gabinetes confeccionados con medios propios resultaron básicos no grande crecemento cualitativo e cuantitativo da CNT da Galiza nos últimos anos e no entendemento de que serán un apoio indispensable no crecemento futuro.
Finalmente deseñouse un plan de formación para dous anos, vertebrado en tres eixos básicos: a formación no modelo sindical propio da CNT, a formación práctica para a acción sindical, e a formación ideolóxica. Destaca en canto aos acordos relativos á formación a creación dun centro de estudos que se constituirá como un espazo para a divulgación, a investigación e o estudo das materias relacionadas co anarcosindicalismo e as ideas anarquistas.
Por último, e tras ser aprobada a xestión do comité saínte encabezado por Isabel Nieto, foron escollidos os distintos comités de cada un dos sindicatos, e un novo comité da CNT Galiza co compañeiro Pablo Paz como Secretario Xeral.
Para a CNT, como sindicato asembleario no que as decisións se toman desde a base, esta asemblea tivo vital importancia xa que se puido comprobar que a autoxestión, a autoorganización e a militancia da afiliación son os puntais dun modelo válido que permite obter resultados útiles para a sociedade, fan crecer ao sindicato mentres aseguran a súa independencia.
Unión, acción, autoxestión!