Manifesto da CNT en apoio a manifestación do 8M na Galiza do Movemento Feminista de Compostela

Nestes últimos anos, valorando os estragos da pandemia, podemos ver que as nosas compañeiras limpadoras, caixeiras, repoñedoras, coidadoras e de todos os demais traballos precarizados e, por ende, máis feminizados, foron traballadoras esenciais e, sen a súa importante labor non teríamos saído adiante. Nembargantes, dende o “Goberno máis progresista da historia” non se adoptaron medidas políticas para combater a súa precariedade nin para frear a fenda salarial existente.

A violencia que sufrimos as mulleres aféctanos en todas as dimensións da nosa vida. Negar a existencia da violencia estrutural que sufrimos as mulleres en todos os eidos polo propio feito de selo é seguirlle o xogo Patriarcado. Ás mulleres séguesenos cancelando por subir a voz e defender a axenda feminista, negando a nosa liberdade de expresión e a defensa dos nosos dereitos conquistados. Deslexitímanse 300 anos de teoría política e a historia e o sufrimento da metade da humanidade. Ás mulleres séguennos asasinando, violando, explotando laboral e sexualmente, impídennos vivir libremente a nosa vida polo feito de nacer muller. Consideramos preciso rematar ca violencia machista en todas as súas formas.

Dende CNT seguimos loitando e non damos por feito ningún avance, pois sabemos que calquera pequena conquista laboral e social pode ser facilmente borrada.

O capitalismo máis salvaxe, que provoca que as mulleres esteamos explotadas tanto no ámbito público como no privado, móstranos que a pobreza ten rostro de muller: sobre nós recaen os traballos de coidados non remunerados, estamos empregadas menos horas e anos da nosa vida, os traballos máis precarios están feminizados… Todo isto repercute directamente no noso nivel adquisitivo e nas nosas pensións de xubilación, condenándonos á miseria e a exclusión social e constituíndo unha forma de violencia económica. Contra a dobre e triple xornada coa que cargamos, esiximos medidas reais de conciliación e de fomento da corresponsabilidade cos nosos compañeiros.

Por outra banda, o neoliberalismo en perfecto matrimonio co Patriarcado, convértenos ás mulleres en produtos de consumo ao servizo dos desexos dos homes. Falar de traballo sexual cando falamos de prostitución ou pornografía, falar de xestación subrogada cando falamos de compra – venda de persoas e de explotación reprodutiva das mulleres, son eufemismos para branquear unhas industrias que se lucran ca trata e explotación sexual e reprodutiva de mulleres e nenas. Consideramos que é insostible nunha sociedades xusta e igualitaria, por isto, a CNT somos o primeiro sindicato que recoñece nos seus estatutos que a prostitución non é un traballo e, polo tanto, temos como obxectivo erradicala.

Dende CNT apostamos pola loita cun feminismo combativo, sindicalista e de clase, crítico contra todos os xeitos de explotación das mulleres. Tendemos as mans a todas as compañeiras para que este 8 de Marzo siga a ser un día de reivindicación dos dereitos das mulleres: polos que aínda non conseguimos e por todos os avances conquistados que están en perigo.

Querémonos mulleres libres nunha sociedades feminista, anticapitalista e antifascista.

Seguimos na loita!

Call Now ButtonChámanos