A recuperación de empresas polos traballadores (ERT) é un movemento que, desde a súa aparición, a partir da segunda metade do século XX en Arxentina, non parou de crecer, estendéndose por outros países do continente americano. Os últimos datos din que o número de empresas expropiadas existentes na actualidade, só na área de Buenos Aires, Arxentina, se aproxima ao medio milleiro. Con todo, coa chegada do goberno ultraliberal de Milei, negras tormentas debuxan un futuro incerto para estas empresas autogobernadas.
Desde o Instituto de Ciencias Económicas y de la Autogestión (ICEA) quixemos preguntar sobre este asunto ao profesor Andrés Ruggeri, director do Programa de documentación de empresas recuperadas polos traballadores, adscrito á Facultad de Filosofía da Universidad de Buenos Aires (UBA) e coordinador dos Encontros internacionais da economía dos traballadores, cuxo último encontro se celebrou o pasado outubro (2024) en Barcelona. É autor do libro ¿Qué son las empresas recuperadas? Autogestión de la clase trabajadora, cuxa última edición (2017) foi publicada en España pola editorial Descontrol.
En primeiro lugar, por poñernos un pouco en situación, de que falamos cando falamos de empresas recuperadas polos traballadores (ERT)?
Ben, empresas recuperadas é unha denominación que xurdiu acá na Arxentina ao redor da crise do 2001, consecuencia do período neoliberal que viñamos sufrindo desde o ano 89 e estoupou producindo unha enorme crise. Durante esa crise apareceron unha serie de tomas de fábricas que xeraron moito impacto na opinión pública e, especialmente, nas organizacións obreiras populares que viron como unha cantidade de traballadores ocupaban fábricas para poñelas a producir. Ese fenómeno empezouse a chamar polos propios protagonistas, xa daquela, empresas recuperadas polos seus traballadores. Non é unha denominación que veña do campo académico, do campo político, teórico, ideolóxico, senón que foi a forma que os mesmos protagonistas destes sucesos usaron para denominar o que estaban a facer, recuperar empresas que crebaran, ou que pecharan, e que estaban a ser ocupadas e postas en produción novamente polos seus traballadores, xeralmente baixo formas de cooperativas de traballo ou baixo prácticas autoxestionarias. A partir deste intre empezouse a utilizar este termo tamén noutros países, non soamente na Arxentina, tamén no Uruguai, no Brasil etc., e así foise espallando e terminou impoñéndose esa forma de chamar aqueles procesos nos que empresas que eran capitalistas, tradicionais, verticais, cun propietario e empregados, pasan a ser empresas xestionadas polo colectivo de traballadores, que a logra poñer en funcionamento novamente a través de distintos procesos de loita.
Na liña un pouco do que acabas de comentar, estas mobilizacións xorden como unha resposta dramática dos e das traballadoras a unha situación económica e social tráxica orixinada polas políticas neoliberais aplicadas desde os anos 80 e 90. Neste sentido, poderiamos dicir que o movemento das ERT foi un proceso de maduración dos e das traballadoras, directamente proporcional á agresividade das políticas neoliberais executadas durante o últimos vinte anos?
Si, seguramente. No 2001 o que apareceu foi unha crise que fixo que o goberno caese, nese momento foi o goberno de De la Rúa, que era continuidade do goberno de Menem, que foi o que iniciou o proceso neoliberal nesa etapa, antes tamén houbo outros, a ditadura militar, do 76 ao 83. Foi durante este período de ditadura onde se puxeron as bases de todo o modelo neoliberal que despois se continuará ata o día de hoxe. Agora temos a este personaxe tan notorio, Milei. Hai unha continuidade en todos estes procesos, e, especificamente, nos anos 90, promoveuse unha gran transformación da estrutura socioeconómica e laboral da Arxentina. Non foi un proceso único de acá, pero o que si sucedeu na Arxentina é que o proceso foi profundo e, en poucos anos, unha gran parte da clase obreira quedou fóra das relacións salariais do traballo, pasando a ser traballadores desocupados, traballadores sen traballo.
Estes traballadores, nun primeiro momento, empezáronse a organizar como movementos piqueteiros. Piquetes que saían a cortar as estradas, as rúas etc., é dicir, producíronse toda unha serie de procesos de resistencia, pero fóra do lugar de traballo, polo que aqueles traballadores non podían facer moito máis que tratar de chamar a atención, reclamar ao Estado algún tipo de resposta, o que sexa, pero, xa era tarde, ademais de perder o posto, tamén foran expulsados dos seus lugares de traballo.
Nos casos das empresas recuperadas, a diferenza destoutros, os traballadores, que estaban a ver iso que estaba a pasar, no momento de pechar a planta deciden non abandonala, deciden tratar de conservar ese lugar no que estaban a traballar, aínda que non estivesen os patróns. Entón si, respondendo á túa pregunta, efectivamente, o sucedido pódese entender como un proceso de maduración, é dicir, ao principio, a gran maioría dos traballadores e traballadoras non puideron pensar sequera na posibilidade de quedar nos centros de traballo antes de ser despedidos, mentres que, nun momento dado, nalgúns casos moi puntuais, moi concretos, empezou a pasar. Talleres de metalurxia, no sur de Gran Buenos Aires, empezaron a implantar a estratexia da ocupación e a formación de cooperativas como a forma de defender os postos de traballo. Na Patagonia, a cerámica Zanón, que se pasou a chamar despois Fasinpat, fábrica sen patróns, e algúns outros casos moi concretos, que ao principio non se relacionaban entre si, que estaban illados, coa gran crise do 2001 empezaron a unirse e adquirir unha identidade común, e a partir de entón é cando o movemento adquire outra escala.
Respecto a actitude das elites políticas cara ás empresas recuperadas, vés dicir que, mentres que os gobernos neoliberais na Arxentina levaron a cabo políticas de estrangulamento, os gobernos social-liberais (por chamalos dalgunha maneira) dos Kirchner mantiveron unha relación de consentimento ou, mellor dito, de menosprezo, pero agora como afrontan as ERT a ameaza dun goberno ultraliberal liderado por un “tarado” como Milei?
Si, trátase dun goberno moito peor que calquera dos anteriores. Dun ultraliberalismo tan desenfreado que, aínda que ten puntos en común cos anteriores, non pode compararse.
Estamos a tentar anticiparnos, tratando de ver como se pode organizar mellor o movemento porque está moi disperso e tamén fragmentado entre distintas organizacións. Hai que ter en conta que o movemento de ERT ten máis de 30 anos de evolución e, nese tempo, como ben dixeches, houbo distintas políticas desde o Estado.
O que podo dicirche é que, ata o de agora, o goberno soamente se expresou unha vez, non directamente Milei, pero si o seu voceiro que se chama Adorni. Este voceiro falou en contra das cooperativas en xeral, dicindo que eran unha caixa que financiabamos os arxentinos, coma se as cooperativas fosen de emprego estatal, e coma se fosen un produto de e para a corrupción política. Esta é a mirada que teñen, en xeral, sobre as cooperativas, pero creo que, respecto das ERT, nin sequera saben de que se trata. Se logran armar un goberno con certa coherencia, é cuestión de tempo que se fixen. Polo momento non son máis que un remexido de actores improvisados, unha especie de plataforma de rockstars, como el mesmo se denomina, da ultradereita rocambolesca, o que non deixa de ser unha enorme oportunidade de negocios para as megacorporacións, unha destrución absoluta de todo o público e unha agresión infinita cara aos traballadores… Sen dúbida, chegado o caso, nalgún momento poñerán o ollo nas empresas recuperadas e na autoxestión, e aí estarémoslles esperando.
No libro ¿Qué son las empresas recuperadas? detallas as diferentes barreiras e retos que os traballadores deben afrontar desde o momento no que deciden ocupar e expropiar o establecemento de traballo. Un destes momentos fundamentais, dado o seu carácter existencial, é a ocupación e a posterior resistencia á persecución xudicial. Como é o proceso?
É bastante complicado entender estas cuestións xudiciais, porque primeiro hai un proceso económico, de base económica e de loita dos traballadores. Hai unha empresa que creba, unha empresa que pecha, pero aqueles peches habitualmente eran produto de manobras fraudulentas por parte dos empresarios.
Arxentina é un país con bastante industria, unha das maiores da América Latina, aínda que lonxe dos países europeos, con todo, cunha capacidade produtiva relativamente importante. Cando os gobernos neoliberais abren o país ás importacións, quitan todas as barreiras de protección da industria e fan unha manobra co tipo de cambio, a famosa convertibilidade, que consistía en equiparar un peso a un dólar, o que era unha cuestión absolutamente ficticia, artificial. O seu efecto foi que era moito máis económico importar que producir. Por tanto, a maioría dos empresarios industriais empezaron a converterse en importadores, importando, xeralmente, o mesmo que antes producían. Na nova situación, estes empresarios vían como unha carga económica tanto as súas propias fábricas como os traballadores. Entón procederon a quitarse estas cargas da forma máis barata posible, eludindo o pagar indemnizacións, cubrir as débedas etc. A quebra fraudulenta era a forma de sacarse de encima todos eses gastos. Os traballadores atópanse de golpe sen traballo.
A fábrica pecha ou se vai degradando aos poucos dentro de procesos que poderían durar meses ou anos. Non se reparan as maquinarias, pagan aos traballadores con atraso etc., é dicir, a táctica empresarial consistía en que os traballadores marchasen por si sós.
Antes dese momento prodúcese a toma da fábrica, os traballadores e traballadoras non queren que se poxe a fábrica, queren seguir usándoa como ben produtivo e como recurso de traballo. Aí é onde entra a contradición xudicial: que está primeiro, a propiedade privada (en realidade nin sequera era a defensa da propiedade privada, senón do beneficio da súa poxa) ou o dereito á continuidade laboral?
Aquí xa atopamos unha primeira complexidade, xa que en moitos deses casos tamén os propietarios, quen, utilizando toda unha serie de manobras realmente complexas, se presentan como acredores, e ante a ocupación da fábrica polos traballadores e traballadoras reaccionan denunciando a estes como usurpadores.
Pola súa banda, os traballadores reclaman o seu dereito ao traballo, defendendo os seus postos, tratando de conservar a maquinaria porque é do que viven. Agora non se sabe (refírese ás ERT que están a vivir este proceso baixo o goberno de Milei), pero no seu momento, grazas á resistencia dos traballadores e traballadoras ocupantes, logrouse que estes conflitos chegasen ás cámaras lexislativas das distintas provincias e se votasen leis de expropiación.
Nos últimos encontros da economía de traballadores, falouse da necesidade de esixir un marco legal que recoñecese esta forma de expropiación polos traballadores das empresas crebadas. Como se avanzou nisto? O movemento de ERT definiu un modelo de regulación no que se recoñeza o traballo autoxestionado?
Hai certo consenso en que ten que ser recoñecido o traballo autoxestionado como unha forma diferente de traballo, coas súas propias formas, as súas propias lóxicas, a súa propia lexislación, o seu propio establecemento de dereitos, de seguridade social, de saúde, de resolución de conflitos etc. Irromper dalgunha maneira na lexislación das formas capitalistas de produción cunha forma de traballo colectivo e de propiedade colectiva, obviamente, é moi difícil, porque é unha ruptura profunda respecto a lóxica a través da cal se organiza a sociedade capitalista, as formas lexislativas, xurídicas da sociedade capitalista. Pero iso é, dalgunha maneira, o que se propón.
Hai proxectos de lei, proxectos máis avanzados, menos avanzados, intermedios etc., hai un pouco de todo, hai debates sobre o financiamento, se todo ten que saír da propia actividade das organizacións, ou tamén ten que haber financiamento público para determinadas cuestións. En xeral, preséntase como unha cuestión de xustiza, se os capitalistas reciben subsidios, por que non vai recibir tamén a economía autoxestionaria o seu parte? Non é que se propoña que teña que ser financiada polo Estado, senón participar da mesma repartición da que participan os demais.
Unha vez os traballadores superaron o momento de expropiación vén o momento da continuación produtiva. No libro comentas que os traballadores tiveron que reformularse conceptos como “viabilidade económica” ou “obxectivos económicos”. Cales serían as claves desta resignificación?
Si, ese é un debate realmente interesante e estratéxico. Para que facemos isto? No caso das empresas recuperadas está claro que o primeiro obxectivo é traballar, é ter medios de vida, entón, toda a loita ten primeiro ese primeiro chanzo que é fundamental. Pode darse o caso de empresas que despois de ocuparse terminan sendo lugares que non son produtivos, dando lugar a cousas moi valiosas en termos culturais e sociais, pero o primeiro chanzo é recuperar a actividade laboral de forma que os traballadores poidan levar unha vida digna.
E aí é onde aparece, como consecuencia directa, a cuestión da viabilidade. En termos capitalistas, non é viable que un conxunto de traballadores “unicamente” logren recuperar a fábrica e logren vivir ben. Non é o que en termos capitalistas implica un éxito, é dicir, alcanzar certos niveis de acumulación.
Moitas veces viñan enxeñeiros, viñan economistas, técnicos, a visitar as empresas recuperadas e dicían: “isto non é viable”, “cando pase isto, ou o outro, non van poder responder”. E ás veces, a longo prazo, empézanse a ver este tipo de limitacións. Por exemplo, no momento de renovar a maquinaria, de facer algún tipo de investimento, investimentos grandes, fortes, ou se hai que buscar un lugar máis grande, ou máis pequeno, aí é onde aparecen esas limitacións. Pero o concepto de viabilidade ten que repensarse:
Para que se recupera a fábrica? Para que se autoxestiona unha empresa? Para acumular capital ou para que poidan vivir dignamente as persoas que forman parte desa organización?
Pero, non só é necesario repensar que significa vivir dignamente, o que en si é xa toda unha discusión, senón tamén cales son os efectos sociais do que se produce, ou os efectos ambientais, como é a relación dese emprendemento. Neste sentido, os desafíos que enfrontan as ERT dentro do capitalismo son enormes. Xeralmente os traballadores buscan seguir traballando e aparecen estes debates: que é viable e que non o é? que é desexable para un proxecto de sociedade máis xusto? como se relaciona a ERT coa comunidade? Ao final prodúcese, necesariamente, unha resignificación do propio concepto de empresa. Todo o mundo está afeito a pensar nunha empresa nos termos do capitalismo: a empresa é un centro produtivo propiedade dun empresario.
Parece que o único responsable da empresa é o empresario, porén, a empresa en realidade é unha organización onde hai múltiples relacións sociais. A empresa soa, por si mesma, non ten unha rede de intercambios con outras organizacións económicas, produce actividade económica secundaria cunha chea de xente, e así podemos ir pelando as capas da cebola e vendo toda a armazón social que hai ao redor dunha organización económica. As empresas recuperadas fan visibles todas estas cousas.
Estou a pensar na revolución social do 36, en Aragón e Cataluña e a proposta totalizante da CNT levando a autoxestión das organizacións económicas a unhas dimensións macro, máis aló do local (partindo do local). E pensando un pouco na vosa experiencia ao redor da recuperación de empresas, atopastes casos nos que se recuperaron empresas cun número grande de traballadores e traballadoras e que, digamos, se sitúen nunha dinámica económica en niveis nacionais ou/e mesmo internacionais?
Recuperáronse algunhas fábricas que teñen 100, 200, ata 400 traballadores. E neses casos, xeralmente, si hai desafíos, desafíos moi importantes porque implica un nivel de actividade económica, de capital, moi grande para manter. Hai que pensar que unha fábrica coa tecnoloxía de agora, con 400 persoas traballando, equivale a unha duns cantos miles de traballadores fai 30 ou 40 anos. Son niveis de produción importantes. E aí hai unha cuestión de como manter unha actividade económica que poida soportar uns 400 ou 300 salarios. Casos así implican ter que pensar en termos dunha complexidade moito maior que un pequeno taller ou unha fábrica máis sinxela.
Xa son tres décadas de expropiacións obreiras en Arxentina e, tendo en conta a súa necesidade perentoria fronte ao colapso que vén, parece que nos queda pequeno este espazo para tratar todos os aspectos dos que nos gustaría seguir falando.
Si, aínda quedan moitas cousas sobre as que conversar, sen dúbida, pero hai instancias, encontros de debate, nos que podemos facelo.
Perfecto, verémonos alí entón.
Entrevista realizada polo sociólogo Damián H. Costa, para o Instituto de Ciencias Económicas y de la Autogestión (ICEA) http://www.iceautogestion.org/index.php/é/