O vindeiro martes 11 de outubro reuniranse as dúas partes pola folga no Consorcio IeB
O sindicato non ve próxima unha solución ao conflito e chama a manter a presión na rúa
O martes 11 de outubro reuniranse o Director Xeral de Función Pública, Xosé María Barreiro, e o comité da folga convocada pola CNT no Consorcio IeB. Desde a organización anarcosindicalista reafírmanse as demandas que deron lugar á convocatoria de folga e espérase que desde Función Pública se trasladen solucións ás mesmas.
A folga convocada segue a súa marcha, na xeira de outubro continuará até o día 14 de outubro. Recórdase desde a CNT que está nas mans da Xerencia do Consorcio e de Función Pública que non se retomen os paros a partir do día 2 de novembro. Lémbrase tamén a importancia de manter as accións de protesta na rúa, xa que a presión unha vez máis se revela efectiva á hora de aglutinar apoios e obrigar á administración a achegar posturas.