A CNT reúnese co grupo parlamentario do BNG para denunciar a licitación do transporte sanitario da Coruña

O pasado martes a CNT reuniuse con Iria Carreira Pazos, membro da Comisión de sanidade do Parlamento de Galicia, para denunciar a nova licitación do transporte programado e non urxente da área sanitaria da Coruña e Cee.

Segundo o sindicato, que conta con implantación importante nas dúas empresas que prestan actualmente o servizo, Ambulancias María Pita e Servicios Sanitarios de Coruña, a nova licitación trátase dun procedemento á carta para garantir que se manteña a mesma concesionaria e supón unha fraude para o enriquecemento ilexítimo das empresas privadas.

Enténdese que non hai motivo para iniciar esta nova licitación cando o SERGAS tiña a opción de prorrogala por dous anos máis mantendo o orzamento inicial. Polo contrario, o SERGAS renuncia á prórroga e licita o contrato cun aumento do 15%, alcanzando case cinco millóns de euros anuais. Ademais disto, denúnciase que o contrato está calculado para un parque móbil que suporía 98 postos de conducción, cando a empresa concesionaria apenas dispón de menos de 70, o que supón un millón de euros extras que estaría a percibir sen facilitar a dotación completa do servizo.

Esta e outras irregularidades foron postas en coñecemento do SERGAS durante os últimos tres anos de prestación do servizo, sen que se tivese recibido ningunha contestación por parte da xerencia, e insístese en que todas ellas suporían causa de resolución do contrato e, consecuentemente, prohibición para contratar coa administración.

Desde o BNG comprometéronse a levar o caso á comisión parlamentar e pedir explicacións sobre as irregularidades na concesión. Con ser positivo, desde a CNT enténdese que non é suficiente, e que debe actuarse activamente para impedir que se concedan servizos públicos a empresas que non respetan os dereitos laborais do seu persoal nin os dereitos das persoas usuarias do servizo e que, en todo caso, non existe motivo para que o SERGAS non preste o servizo directamente, garantindo previamente a estabilidade laboral de todo o persoal.

Call Now ButtonChámanos