18F: FOLGA e concentración Consorcio IeB

  • Arranca a FOLGA de CNT co paro de 24h este xoves 18
  • O mesmo xoves 18 ás 12h concentración no Consorcio en San Lázaro (Compostela). Achégase documentación para xustifiicar a mobilidade

Este xoves 18 de febreiro de 2021 comeza a FOLGA convocada por CNT no Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar con un paro de 24h e que se prolongará de maneira indefinida  durante todos os xoves con paros de 8h a 11h. A FOLGA á que está chamado todo o persoal do Consorcio ten como obxectivo regularizar a situación de todas as traballadoras temporais en fraude de lei e abuso de temporalidade independentemente da forma de acceso ao seu posto.

O mesmo xoves 18 de xaneiro ás 12h celebrarase unha concentración de protesta ás portas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en San Lázaro (Compostela). A protesta organizada pola CNT conta cos permisos legais correspondentes, debendo respectarse a normativa sanitaria vixente. Nembargante, o dereito de reunión non se ve afectado polo estado de alarma actual, polo que, para as persoas que desexen participar na protesta e se despracen desde fora de Compostela achégase documentación xustificativa da mobilidade: declaración responsable e xustificación concentración

A FOLGA trata de buscar unha solución á situación de todo persoal temporal en fraude de lei e abuso de temporalidade do Consorcio independentemente da forma de acceso ao posto (oposición, listas, subrogación,…) toda vez que a Xunta de Galiza ven de incluír a practica totalidade das prazas na última oferta de emprego público (OPE) a finais de 2020. Esta medida non so non é unha resposta eficaz para paliar a enorme temporalidade do emprego na administración, senón que supón unha medida de moi forte impacto sobre o persoal que padece esta situación de abuso e fraude durante máis dunha década, o que resulta aínda máis gravoso se se ten en conta que resposta únicamente ao incumprimento reiterado e manifesto da lexislación laboral por parte da Xunta de Galicia e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. 

Ademáis esta medida lévase a cabo sen tomar en consideración ningunha outra solución que teña en conta os dereitos das persoas traballadoras do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en situación de fraude de lei e abuso da temporalidade, xa sexan propias ou análogas ás que se están a tomar en consideración noutras administracións autonómicas e locais, e sempre tendo en conta que o persoal público non acabe sendo prexudicado dobremente polo proceder da administración.

Tamén debe terse en conta que a inmensa maioría da plantilla do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está formada por traballadoras, e que de executarse o plan previsto pola Xunta produciríase unha casuística de discriminación indirecta por razón de sexo. Amáis do impacto en materia de igualdade que repercutiría no propio usuariado dos servizos do Consorcio e as súas familias.


Desde CNT vense tentando dialogar desta situación cos organismos responsables da Xunta de Galicia: a Dirección Xeral da Función Pública e a Xerencia do  Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar , sen que se tivese resposta algunha por parte da Administración pública, polo que a única saída que deixaron os responsables políticos desta situación foi a FOLGA.

Do éxito da FOLGA depende en gran medida a capacidade de parar a OPE 2020 e o risco de despidos na plantilla polo que animamos a todo o persoal do Consorcio en fraude de lei e abuso de temporalidade a participar da FOLGA e da concentración deste xoves día 18 ás 12h nos servizos centrais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en San Lázaro (Compostela) .


Achegamos uns modelos de cartaces de lemas variados para levar ás protestas e animámosche a vir de azul!

Descarga a declaración responsable e a xustificación da concentración de CNT do 18-2-2021.

Call Now ButtonChámanos