A finais de setembro os “axentes sociais” e o goberno chegaron a un acordo no que se asume o discurso da patronal en materia de xubilación (atrasar idade e reducir a contía) e no control de baixas laborais por enfermidade común.
Como punto principal incentívase o atraso da idade de xubilación, compatibilizando pensión e emprego, coa vista posta en normalizar seguir traballando máis aló dos 67 anos. Estamos diante dun acordo xenérico no que se dá vía libre ás diferentes peticións da patronal; nesta ocasión facilitando a xubilación parcial para continuar traballando despois dos 67, seguindo na liña de redución de dereitos laborais das últimas décadas e mostrando esta redución como necesaria e beneficiosa para as e os traballadores. Engádense á medida uns coeficientes redutores na idade de xubilación para ocupacións penosas e perigosas, pero sen desenvolver como sería a súa implementación, nin en tempos nin en contías ou sectores, nin sequera, se se vixiará que non se produza nesgo de xénero, dando máis coeficiente aos sectores masculinizados pero con forte implantación sindical fronte a sectores feminizados con pouca ou ningunha implantación.
Esta proposta que complementa a última reforma de pensións, sae nas mesmas datas nas que FEDEA (fundación pouco sospeitosa de obrerista), publica un estudo (The Effect of Removing Early on Mortality)*, no que investiga a reforma das pensións de 1967 cando se modificaba a idade anticipada de xubilación en función da data na que se comezou cotizar, na que tamén se endureceu o acceso a un subconxunto de cohortes. Os resultados afirman que atrasar a idade de xubilación aumenta de maneira importante o risco de morrer entre os 60 e 69 anos, concentrando o risco nos sectores esixentes física e mentalmente.
Con estes datos dedúcese que a estratexia para reducir os gastos da seguridade social en materia de pensións sosterase no futuro co incremento continuado da idade de xubilación coas consecuancias que isto ten na nosa esperanza de vida.
Máis puntos do acordo, expostos como avances, enmárcanse en materias como a xubilación parcial e os contratos relevo, pequena mellora que queda moi lonxe de volver aos dereitos da lexislación anterior á reforma socialista do 2013. Tamén se incrementa o cómputo das cotizacións dos contratos fixos descontinuos, que recuperan o coeficiente multiplicador do 1,5 que se aplica á hora de calcular o período de carencia para acceder á pensión de xubilación, pero sobre a multiplicación destes tipos de contrato en substitución dos contratos a tempo parcial e a súa utilización abusiva polas empresas non se comenta nada.
Outro asunto pactado é o aumento do control patronal das baixas por continxencias comúns (enfermidade común), ao permitir ás Mutuas Laborais (lembremos que estas son asociacións empresariais) a súa xestión ata agora en mans da Seguridade Social, unha antiga reivindicación da patronal para reducir o que chaman interesadamente “absentismo laboral”, calquera que teña experiencia con estas Mutuas por un accidente laboral sabe que a súa meta non é o benestar da persoa traballadora, senon o aumento de beneficios dos seus asociados, os empresarios. Esta medida confirma a idea de que ademais de traballadores e traballadoras anciás e con menos esperanza de vida debida aos recortes da xubilación, quérennos traballando aínda enfermas limitando o acceso ás baixas cando non se está en condicións de traballar.
Sobre a cuestión da sinistralidade laboral, o acordo propón un sistema para atallala: reducir as cotizacións ás empresas con poucos accidentes laborais; volvemos así á estratexia de reducir estatisticamente a sinistralidade ocultando accidentes e deixando desprotexidas e desprotexidos aos traballadores ao promover que as empresas maquillen estas cifras e oculten os accidentes e as enfermidades laborais.
A lectura do tratado deixa claro que a senda de futuros recortes nos dereitos dos traballadores e traballadoras continúa e continuará se non se fai fronte a iso a través do conflito e a loita de clases, abandonando a actual vía da concertación e a transversalidade nas relacións de clase que só beneficia ás elites económicas.