O pasado dia 5 de Xuño, a compañeira L. G., foi despedida do Hotel Sino de Compostela, de xeito arbitrário e a todas luces improcedente, baixo a frase de “estoy harto de tus interpretaciones”. A compañeira, contratada como axudante de recepción, sendo a única recepcionista, desempeñaba outras tarefas como camareira e incluso facia a limpeza dos cuartos. Estas tarefas realizou-as durante dez meses.
Igual que outras compañeiras, foi vítima de contínuas discusións e faltas de respeto por parte do empresário. Actualmente hai compañeiros traballando mais horas cas da xornada completa, con contratos de meia xornada, entre outras lesións aos dereitos dos traballadores.
Felipe Lago Rodiño, o indivíduo encargado de xestionar a empresa, Hotelería Mochima S.L., non se presentou ao acto de conciliación tentando desentender-se da situación na que se via envolto. Vista a sua atitude, o día 30, (o acto de concialición foi o 29/06/06) unha delegación da CNT presentou-se na empresa para reclamar a débeda contraida coa compañeira, que consistia nas prorratas correspondentes, a indemnización por despido improcedente e os salários de tramitación. Nun segundo encontro coa CNT, chega-se ao acordo sobre a cantidade a percibir, de acordo coa reclamación da compañeira despedida. O pasado dezaseis de Agosto, Guadalupe puido cobrar o último pagaré.
Unha vez máis demostra-se como a acción directa é o xeito de resolver os conflictos entre os traballadores e a patronal. Así, sen agardar a que unha sentenza da xustiza burguesa declarase improcedente o despido, e sen negociacións con intermediários alleos, só coa forza da presión sindical, chegou-se a un acordo netamente favorábel para a compañeira. Este é un exemplo máis de como só a organización operária desde a base, a solidariedade e a acción directa nos protexen das agresións do empresariado. Por iso desde a CNT chamamos á clase operária a organizar-se e luitar nos sindicatos da Confederación, único sindicato que se rexe por estes princípios.