- Compostela: manifestación ás 12h. desde a Porta do camiño. Remate e mitin na praza do Toural.
- Ourense: manifestación ás 12h. desde a Ponte Romana. Remate e mitin nos xardíns do Padre Feijoo.
- Ferrol: manifestación ás 18h. desde a praza 10 de marzo. Remate e mitin no Palco da música do Cantón.
A CNT sae á rúa con orgullo e dignidade. Orgullo e dignidade de clase, o orgullo e a dignidade da clase traballadora pola nosa capacidade creadora, por construír, coas nosas mans, coas nosas capacidades, todo o bo e fermoso que no mundo pode verse. Orgullo e dignidade de clase polo noso amor á liberdade e a nosa ética igualitaria, porque non parasitamos aos nosos semellantes, non lles roubamos, nin suplantamos a súa vontade.
O Primeiro de Maio é un símbolo da dureza dos ataques que a clase obreira padecemos ao longo da historia, mais por cima de todo, é símbolo da nosa resistencia e da nosa loita. É símbolo da nosa capacidade para nos organizarmos e transformarmos esta sociedade. A CNT chama a reforzarmos as resistencias contra as políticas neoliberales, a afirmarmos a necesidade de nos organizarmos de forma horizontal e a construírmos ferramentas de loita e un movemento obreiro forte, eficaz e contundente na defensa dos nosos dereitos. Un movemento obreiro que integre na radicalidade da súa acción fórmulas positivas e actuais de superación do capitalismo e de construción dunha nova forma social. Un movemento obreiro solidario, independentemente do lugar de nacemento de cada persoa.
A CNT ten ás súas costas unha historia de loita obreira, unha historia de dignidade e orgullo, unha historia que estamos a escribir agora, no presente. Pretendemos abrir un camiño de confrontación co Capital e co Estado que se dirixa firmemente para unha mudanza social completa, que se dirixa á tomada dos medios de produción por parte da clase obreira, que se dirixa á autoxestión larga, integral, da sociedade. Unha sociedade igualitaria entre homes e mulleres, unha sociedade en que non caiba a discriminación de tipo algún.
No noso último Congreso, celebrado en decembro de 2015, a CNT tomaba acordos neste sentido. Acordamos dotarnos a nós propias dos medios necesarios para encarar a recuperación e colectivización de empresas e o control anarcosindical da actividade produtiva e da organización do traballo, que supón a decidida vontade de iniciar procesos revolucionarios que pasen pola tomada dos medios de produción e a autoxestión integral da sociedade. Recupéranse para isto as Comisións de Defensa Económica e o Consello de Economía Confederal. É vontade da CNT iniciar estes pasos nun sentido realmente transformador. Os fins revolucionarios da CNT son irrenunciables, a CNT definiuse sempre como unha organización actual e de futuro, e hoxe, Primeiro de Maio, reafirmámonos neste camiño.
É o momento de dar o primeiro paso a partir do cal avancemos definitivamente, sen posibilidade de volta atrás, para romper cun sistema que non é o noso e para construír desde hoxe a nosa alternativa, a partir da solidariedade, do apoio mutuo e da autoxestión. Saímos neste Primeiro de Maio como afirmación de que a nosa presenza na rúa e nos traballos ten unha única finalidade, mudar o mundo pola base e construílo sobre a liberdade integral de todas as persoas, e de que a nosa presenza será permanente, que non decaeremos na nosa loita até conseguirmos o noso ideal, a liberación dun sistema asasino, que nos condena á miseria e á escravitude.
Desde o Anarcosindicalismo imos comezar a construír a nova sociedade. Unha nova sociedade que pense nas necesidades das persoas, unha sociedade en que os privilexios sexan substituídos pola igualdade e a verdadeira xustiza social, unha sociedade en harmonía coa natureza, unha sociedade en que todos e todas sexamos ricas, porque todos e todas teremos todo canto necesitamos. Unha sociedade digna de nos sentirmos orgullosas e orgullosos.