Perante a detención dos dous integrantes de ‘Títeres desde Abajo’

O venres 5 de febreiro dous integrantes da compañía ‘Títeres desde Abajo’ foron detidos no transcurso da súa última obra, «A Bruxa e Don Cristóbal», baixo a acusación de enaltecimento do terrorismo. Na actuación do 5 de febreiro en Madrid parte do público asistente sentiuse molesta coa obra, e lonxe de limitarse a unha cuestión estética ou de criterios, chamaron á policía que acudiu e procedeu a deter aos integrantes de ‘Títeres desde Abajo’, que tiveron que interromper a obra pola acción dos descontentos. Inmediatamente dispáranse as alarmas do poder: non só eran artistas críticos, tamén eran anarquistas.

Nun auto xudicial que podía pasar aos anais do despropósito legal, a Audiencia Nacional decide encarcelar as persoas detidas «por enaltecimento do terrorismo». O partido da señora Manuela Carmena, alcaldesa de Madrid, non tarda en anunciar aos medios sen saber moi ben que é o que pasa que «tomará medidas legais» contra os artistas que representan unha obra que recoñecen non ter visto. Nun acto de hipocresía monumental, ao pouco tempo publican un comunicado no que tachan de «irresponsables» aos dous titiriteiros que van camiño do cárcere tras pasar polos xulgados da Audiencia Nacional e no que anuncian que se manteñen na súa denuncia caso teñan cometido actos «ofensivos ou lesivos para a sensibilidade» mais, iso si, esperan que se manteñan as súas «garantías xurídicas». Unha tentativa vergoñenta de nadar e gardar a roupa perante un feito represivo que, sábeno perfectamente (leron o auto), non respectou as máis mínimas garantías xurídicas e colaborar de forma consciente e directa na articulación da enésima montaxe policial contra os movementos sociais. Nin unha palabra pedindo a liberación dos detidos.

A CNT denuncia este novo atropelo á liberdade de expresión. Dous artistas foron detidos en pleno espectáculo por manifestaren a súa posición crítica ante a sociedade actual. Por denunciaren a represión dunha forma satírica. Quer dicer, foron detidos por unha cuestión exclusivamente ideolóxica. O aparello político-policial-xudicial do Estado español continúa a perseguir e a encarcerar persoas por motivos ideolóxicos. Neste país, Señora Carmena, Señores Xuíces, isto non ocorría desde os tempos de Franco, que por certo morreu fai moitos anos. Non se preocupe, a vostedes caberalles ante a historia o ignominioso honor de telo resucitado do peor xeito. De que vale borrar o seu recordo se van recuperar o peor das súas prácticas? Mais, Señora Carmena, Señores da Audiencia Nacional, non fiquen aí, non se limiten a deter e acusar os artistas que hoxe actúan na súa cidade. Queimen as obras de Zola, destrúan páxina a páxina as de Grave, borren da face da terra a lembranza das obras de Gorki, destrúan os teatros que representan a Brecht, pidan un mandado internacional de busca e aprehensión de Dario Fo, executen a garrote vil os seus editores, e non esquezan perseguir os seus lectores. Inicien a queima de libros e, nesa fogueira, invoquen o espírito do Generalísimo.

En Irán, por nomear calquer un dos moitos lugares en que non se respecta o dereito á disidencia ideolóxica, Rassoulof e Panahi están detidos por pór a súa obra ao servizo do pobo. Keywan Karimi foi condenado a recibir 223 latigazos. Farán vostedes o mesmo con todas as persoas que xa escribimos ou representamos, ou até que imaxinamos, a necesidade dun mundo máis libre e xusto, un mundo sen policía que nos persiga e nos torture, sen exércitos que nos masacren, sen xuíces nin fiscais que nos xulguen e nos encarcelen? Farán o mesmo con todas as persoas que rexeitamos os privilexios e defendemos a xustiza popular? Con todas as persoas que cremos que a propiedade é un roubo e defendemos a expropiación e a partilla de todos os bens materiais? Con todas as persoas que pensamos que a nosa dignidade non cabe nas vosas urnas e moito menos pode ser calada polas vosas prisións? Fará isto, a Audiencia Nacional e a Alcaldía de Madrid, con todas as persoas que cremos na necesidade e na xustiza dunha revolución? Dicía Rafael Alberti que «as palabras entón non serven: son palabras. / Balas. Balas.« Darán vostedes a volta a este canto antifascista e dispararannos? Ou pensan perseguirnos por repetir estes versos?

A CNT denuncia este novo paso na escalada represiva contra o movemento anarquista que se vén producindo nos últimos anos. Resulta moi esclarecedor de que xeito o poder coincide na hora de atacar a quen o cuestiona, sexa cal for a cor con que se pinta tal poder. Se a Alcaldía de Madrid denuncia os artistas polo ben dos nenos, o Ministro de Interior condenaos publicamente, tratándoos desde o primeiro momento como culpábeis e criminalizándoos exclusivamente pola ideoloxía dos detidos. Onde fica agora a presunción de inocencia, o dereito á imaxe do acusado, que estas personaxes piden para os ladróns do público que forman o seu goberno? Onde fica a figura do investigado que reclaman para malandros como Intre e o resto de personaxes habituais nos xulgados?

A CNT entende que feitos como este son o resultado dos procesos de recuperación e cooptación sistémica que partidos como Podemos levaron a cabo coas loitas populares en que se apoiaron para tentar o seu asalto ao poder. E é que todo poder debe eliminar os seus críticos, e máis se algunha vez se mesturaron entre eles. Neste tipo de procesos todos os políticos, ao final, concordan. Por iso a CNT reafírmase na autonomía das loitas populares, na independencia respecto aos partidos políticos e denunciamos máis unha vez o carácter autoritario, antipopular e reaccionario do «asalto das institucións».

A CNT exixe a liberación sen cargos dos compoñentes de ‘Títeres desde Abajo’.

En suma, Señora Alcaldesa de Madrid, Señor Ministro do Interior, Señores Xuíces da Audiencia Nacional, con actuacións como esta non van poder calar as voces que piden unha sociedade máis xusta, na cal vostedes, con efecto, sobran. Non poderán, faranas máis fortes aínda, multiplicaranas, e un día veranse rodeados por elas. Na construción dese día estamos a avanzar.

Call Now ButtonChámanos