Desde a CNT temos que volver a falar, lamentablemente, da empresa Osventos, concesionaria do servizo de axuda no fogar de Ames. E dicimos lamentablemente porque esta empresa xa é unha vella coñecida nosa, e non precisamente polo seu bo facer. A cantidade de demandas que tivemos que interpoñer contra eles é unha proba clara da súa maneira de proceder
Nesta ocasión, Osventos volveu demostrar a súa falta de respecto polos dereitos laborais cunha práctica que parece ser unha das súas “especialidades”: baixar a xornada laboral ás súas traballadoras de forma unilateral. Sen negociación, simplemente deciden que as traballadoras van traballar menos horas e, polo tanto, van cobrar menos. Este proceder, saltándose os dereitos das traballadoras é algo que vemos demasiado a miúdo. E é importante que saibamos que non estamos soas, que temos ferramentas para defendernos e que, cando nos unimos, podemos conseguir resultados.
Neste último caso, intentaron facer o mesmo de sempre. Pero non contaban con que desde a CNT estabamos vixiantes e preparadas para actuar. Grazas á nosa intervención e á firmeza da nosa compañeira, a empresa tivo que recuar e manter a súa xornada laboral tal e como estaba. Esta é unha nova vitoria, si, pero non nos enganemos, sabemos que con Osventos teremos que seguir loitando. Pero isto tamén dános forza para seguir adiante. Demostra que a súa impunidade non é absoluta e que, cando nos plantamos, teñen que ceder.
As nosas demandas son claras: Que Osventos cese dunha vez por todas estes incumprimentos e abusos laborais e empecen a respectar os dereitos das súas traballadoras, que son persoas, non máquinas. Seguiremos moi de cerca a actividade de Osventos e non dubidaremos en utilizar todas as ferramentas ao noso alcance para defender os dereitos das súas traballadoras.
Desde a CNT non toleramos os abusos empresariais. Se traballas no sector da axuda ao fogar, contacta connosco!