O feminismo de Compostela lembra a Rosa Bassave

O pasado sábado 9 de Marzo, en celebración do día da Muller Traballadora, o feminismo de Compostela quixo lembrar á compañeira Rosa Bassave, finada o pasado 11 de Setembro. O acto tivo lugar na Bilbioteca Concepción Arenal e foi, non unha homenaxe, que a compañeira Rosa tería rexeitado, senón un acto colectivo de lembranza por parte dunhas persoas que compartiron loita, militancia e amizade durante catro décadas.

O acto estivo presentado por Ana Romaní e Comba Campoy, que se encargaron de introducir às diversas ponentes así como de presentar ao público o libro “Voçe sabe e eu conheço“, escolma de textos de Rosa Bassave, recén editado polo movemento feminista. Este libro inclúe unha serie de textos de Rosa de díficil acceso hoxe en día, tirados de publicacións como Arco da Vella, (A)narquista, Andaina, Marea Negra ou Festa da palabra silenciada, e non se reduce a escritos de carácter político, senón que inclúe tamén diversas receitas de cociña da que Rosa era tan amante e varios poemas que escribiu durante a enfermidade que no la levou.

Polo estrado, entre as bandeiras de Mulheres Livres e da CNT, foron deixando o seu recordo de Rosa, ás veces as súas bágoas pola súa ausencia, tamén a alegría polo tempo compartido, Carmen Blanco e a súa visión poética, Goretti Sanmartín, a agarimosa lembranza anarcosindicalista de Rita Giráldez, as súas compañeiras da Marcha Mundial das Mulleres Lupe Ces, Sandra e Merce Teixeiro, o recordo de Laura Bugallo. Contamos cun interludio poético da man Rosa Enríquez, Pili Beiro e os que foran compañeiros de Rosa no peculiar speaker’s corner no que durante anos se converteu a praza de Fonseca da man de Mar de Tinta. Houbo tamén unha emocionada intervención de Isia, irmá de Rosa, e o seu compañeiro por máis de corenta anos, Alberte O Roxo, dedicoulle unha carta emocionante que, de seguro, Rosa escoitou emocionada alá onde estea. Houbo tempo para a música, por obra do duo Os fronteirizos e dos fillos de Rosa, Iris, Gael e Brais, que coa axuda de Jano interpretaron tres temas do Som do Galpom que eran dos favoritos de Rosa.

O acto fechouse coa proxección do vídeo “Rosa Bassave, unha vida de loita”, elaborado por Uqui Permuy, no que, ao lado de Janis Joplin, lembramos a vida de Rosa a través da súa loita, porque, como Rosa gostaba de dicir, a nosa vida é a nosa loita.

Foi un acto fermoso e emotivo, agarimoso, por veces fondamente triste, e outras vitalmente alegre, como era Rosa. Un acto no que trescentas persoas lembraron a Rosa e compartiron as súas lembranzas, no que se fixo evidente que Rosa nunca será esquecida e que a súa perda nunca poderá ser reemprazada.

Compañeira Rosa, para onde esteas vai este bica dos teus compañeiros e compañeiras da CNT.

Call Now ButtonChámanos