- A sección sindical da CNT denuncia que non se cumpren os mínimos de Prevención de Riscos Laborais
- Ademais, a empresa pretende que se realicen os servizos sen cumprir co “Protocolo de prestación de servicio en el transporte”.
- O sindicato mantén un conflito permanente coa empresa para a mellora das condicións laborais e o servizo prestado na área.
A UTE Servicios Sanitarios de Coruña S.L.-Ambulancias María Pita S.L. adicada ao transporte sanitario non urxente (ambulatorio e hospitalario) así como o hospitalario urxente do SERGAS na área da Coruña e Cee recibiu unha nova visita da Inspección de Traballo e Seguridade Social tras a denuncia da sección sindical da CNT polo incumprimentos da empresa. Deste xeito, tras o inicio do conflito permanente que mantén o sindicato coa empresa, son xa varias as ocasións nas que a patronal do sector sanitario tivo que render contas ante a Administración Pública ou os Xulgados.
Nesta ocasión, a primeira das reclamacións presentadas no ITSS pola sección sindical da CNT facía referencia á falta de posta en prácticas de medidas correctoras no referente á prevención de riscos psicosociais.Deste xeito, a empresa non cumpre cunha correcta distribución de quendas de traballo, que a Inspección considera que non son equitativas entre todos o persoal adscrito ao servizo. Así mesmo, a carga de traballo adxudicada aos empregados da UTE sería excesiva, polo que esta debe revisarse. Finalmente, a ITSS entende tamén que a empresa non cumpre co seu deber de información e formación do persoal.
Segundo o informe da Inspección de Traballo, que recoñece que os riscos “deben ser cualificados de moi elevados”, a empresa “non ten en conta o rtimo de traballo en relación co risco de sufrir accidentes de tráfico e de sobrecarga”, polo que segundo o sindicato “estaríase a poñer en perigo a vida e a integridade física tanto do persoal como das persoas usuarias do servizo”, o que se cualifica de extremadamente grave e chámase ao SERGAS a intervir a concesión e rescindir o contrato de servizos coa UTE.
Ademáis, a CNT denunciou tamén que os tempos asignados para os servizos non se axustan ao “Protocolo de prestación de servicios en transporte hospitalario“, feito polo que a empresa tamén acaba de ser sancionada pola ITSS. Deste xeito, o persoal da UTE realiza servizos con tempos excesivamente curtos que supón un trastorno para os usuarios ao ter que realizar as funcións de recollida e entrega en hospital en prazos excesivamente curtos e non adecuados. A ITSS recolle no seu informe que “asignáronse rutas e traballos de condución que supoñían incumprir o protocolo de tempos acordados, provocando que a condución poidera ser precipitada e pouco segura levando a aumentar claramente o risco de accidente de tráfico, o que supón tamén un risco psicosocial asociado á carga de traballo”.