Crónica da IV edición do Foro- Mesa redonda “O sector forestal a debate”

O sábado 9 de marzo celebrouse a IVª edición do foro-mesa redonda “o sector forestal a debate”.

Este ano, con formato novo da xornada forestal introduciuse unha visita a un lagar e ó Centro de Interpretación da Cera de Paraños, no concello de O Covelo, e pola tarde tivo lugar o foro-mesa redonda, propiamente dito, no Centro Cultural de Xinzo.

Pola mañá poidemos visitar un lagar onde antigamente se facía o proceso de tratamento da cera para a elaboración de candeas e exvotos, que foi rehabilitado pola Comunidade de Montes de Paraños, onde o compañeiro Damián Copena xunto co presidente da comunidade de montes nos explicaron detalladamente o oficio dos cereiros a partir dos elementos que se conservaron e/ou restauraron dende que se abandonou este oficio aló polos anos 50-60.
Despois vimos unha eira da cera destinada a branquear a mesma, ademais de diversos utensilios para a súa produciónr. A continuación poidemos visitar o Centro de Interpretación da Cera no que contemplamos as diferentes ferramentas que se utilizaban en todo o proceso de elaboración de candeas e exvotos a partir da cera tratada no lagar. Así vimos cortizos, pailas, talladeiras, favos, etc., así como algúns productos obtidos que se fixeron durante inauguración do centro.

Seguidamente tiñamos preparada unha pequena andaina guiada pola ruta do Xabriña para despois xantar nun merendeiro pero debido á choiva éste viuse suspendido. Así que nos diriximos a xantar o C.S.A. O Fresco para repoñer forzas e despois asisitir ao foro.
O foro-mesa redonda tivo lugar como as anteriores edicións no Centro Cultural de Xinzo (Ponteareas). O primeiro poñente da tarde foi Manuel Ramiro que nos transportou ao longo da historia do monte galego. Contándonos cómo foron evolucionando as especies vexetais presentes nos nosos montes até acadar un estado climácico ou de madurez coas especies que hoxe vemos.

A continuación Teixugo Sociedade Cooperativa falounos da importancia da educación ambiental para concienciar á xente da importancia do medio que nos rodea e así incidir no noso comportamento para que coidemos e respetemos a natureza. Así tamén fixo fincapé en que a educación ambiental ten que ir orientada ás persoas que a día de hoxe teñen poder para cambiar a situación ambiental do país, e non orientada só a nenas e nenos de primaria que non poden tomar decisións ata un prazo medio de tempo. O medio ambiente precisa de cambios positivos hoxe, non se pode agardar 20 anos por eses cambios senón probablemente sexa moi tarde. Ademais tamén incidiu en que as políticas ambientais teñen que ir destinadas a solucionar as causas que provocan os desastres naturais e non só a minimizar as consecuencias.

Despois de Teixugo chegou o turno a Cooperativa Monte Cabalar que nos explicou a importancia e os beneficios que se obteñen da xestión do gando equino en extensivo no monte. Os cabalos son desbrozadoras naturais que aproveitan a biomasa que hai no monte para manterse e así producir carne e productos derivados para o seu consumo e/ou venda; grazas a esta función tamén diminúen o risco de incendio. A raíz disto falounos da importancia do cooperativismo como forma de entidade de economía social, democrática e solidaria que constitúe unha alternativa á empresa convencional. Así contounos a súa experiencia na Cooperativa Monte Cabalar que é unha cooperativa de explotación comunitaria da terra que agrupa aproximadamente 3.600 propiedades de máis de 1.000 propietarios nunha explotación gandeira en extensivo con máis de 700 ha de monte fechadas en varias parroquias do concello de A Estrada co obxectivo de intervir sobre o abandono e o minifundio. A cooperativa conta coa participación de máis de 330 socixs.

Por último, Trespés Sociedade Cooperativa Galega falou da historia do monte comunal en mancomún como forma de xestión do monte. O envellecemento da poboación e a falla de xente xoven con ideas e iniciativas que orienten o monte cara multifuncionalidade do mesmo están provocando o abandono deste. Os montes en mancomún son formas de titularidade de orixe xurídica xermánica. Fronte a propiedade pública ou privada, que teñen orixe xurídica romana, este xeito de xestionar o territorio non supón ser propietario, senón usufructuario, con dereito de uso e xestión. O monte en mancomún non se pode vender, nin parcelar. Na actualidade, a forma do mancomún existe no territorio galego e no norte de Portugal. Galiza conta con aproximadamente 3000 comunidades de montes en mancomún, que xestionan perto de 700.000 ha de territorio galego, o que representa 29,85 % da superficie forestal. A titularidade comunitaria implica na xestión do territorio unha parte considerábel da poboación, uns 150.000 comuneirxs.
Puidemos ver un adianto de “En todas as mans” que é un proxecto de documental sobre os montes veciñais en mancomún que pretende construír un relato que xunte as voces das xentes das comunidades e do ámbito académico. A día de hoxe o documental está en fase de preprodución. Este documental pretende mostrar o mundo do mancomún, unha realidade próxima, escasamente coñecida e pouco valorada pola sociedade galega. Ao tempo, quere sinalar as potencialidades que ten como ferramenta válida para a xestión e custodia do territorio próximo. Pretende incidir na titularidade en mancomún como un elemento que fai parte do patrimonio cultural galego.
Logo destas exposicións deuse paso a preguntas por parte do público que mostraron o seu interese polos diferentes temas tratados e que foron respostadas polos relatores.
E isto foi o que deu de sí o IV Foro-mesa redonda “o sector forestal a debate”.

Queremos agradecer a participación dos relatores e do público asistente, así como tamén ó Centro Cultural de Xinzo, que un ano máis fixeron posible que esta iniciativa se levase a cabo.

Por un sector forestal unido, consciente e combativo!!

Podedes ver as fotos aquí: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.544218818956667.1073741827.100001056628582&type=3

Call Now ButtonChámanos