Iniciamos a asemblea ás 11:00 do día 09/02/2011 no salón de actos de San Lázaro cun cheo absoluto. Reunidos representantes dos catro sindicatos maioritarios (CSIF, CIG, CCOO e UGT) en representación da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa e por outro lado os traballadores de San Lázaro que asistiron á asemblea.
Comezan os representantes sindicais comentando a situación complicada na que nos encontramos e solicitan o noso respaldo á hora de facer futuras convocatorias de mobilizacións. Din que mañá día 10 de febreiro se convoca na EGAP a Mesa Xeral cos representantes de Función Pública e que lles gustaría contar co noso apoio, xa que a única forma de facer fronte á difícil situación é a unión dos sindicatos e traballadores. Tamén comentan que as doce hai unha concentración en San Caetano e que sería bo que asistísemos.
Dito isto ábrese unha quenda de preguntas:
Un compañeiro formula que deberían convocarse reunións de traballadores por parte dos órganos representativos do persoal (Xunta e Comité de Empresa) con máis asiduidade (mínimo unha vez cada dous meses). Tamén comenta que habería que controlar a entrada de persoal de maneira que alguén se encargase de que os traballadores se identificasen e así impedir a entrada dos xornalistas, pois non pode ser que o sábado pasado día 4 de febreiro nos decatásemos pola prensa de que había intención de recortar o salario e o tempo de traballo aos nosos compañeiros contratados temporalmente, pois iso é unha falta de respecto aos traballadores e un aldraxe aos sindicatos. Por outra banda tamén se comenta que é conveniente mandar con suficiente antelación a convocatoria da asemblea de tal maneira que os traballadores/as poidan propoñer puntos á orde do día e debatelos nunha quenda pechada de preguntas e finalmente votar a proposta a man alzada e que se sae aceptada pola asemblea dará lugar á creación de grupos de traballo para o seu desenvolvemento e o resultado vinculase a Xunta de Persoal e Comité de Empresa á hora de defender os dereitos dos traballadores. O compañeiro que propón todo o anterior solicita que se someta a votación a proposta e que quede constancia na acta o resultado desta ante o cal non hai ningún tipo de reacción. Vendo isto volve solicitar que se someta a votación as propostas e conste en acta o resultado destas, obtendo por resposta por parte dun dos representantes da Xunta de Persoal que se tal máis tarde, pois é mellor centrarse no asunto que nos trae aquí que é se apoiamos as mobilizacións ou non.
Dito o cal interveñen outras persoas. O Sentir xeral é que antes de recortar dereitos dos traballadores se pode aforrar recortando doutras partidas (coches oficiais, medios de comunicación…) e que se podería elaborar unha listaxe de partidas de onde poder recortar os 80 millóns de euros que quere a conselleira de facenda.
Unha compañeira manifesta o seu malestar co funcionamento dos sindicatos e comenta que en todas as reunións pasa sempre o mesmo e é que se fan propostas, pero ao final quedan en nada.
Coméntase tamén a posibilidade de facer a concentración das 12 en San Lázaro en vez de en San Caetano, pero parece que maioritariamente se prefire San Caetano.
Dito o anterior levantase a sesión as 11:45.