Casa Beatnik, fogar de explotación

Desde a CNT alzamos a voz con indignación ante unha práctica que, lamentablemente, segue sendo demasiado común no sector da hostalería, e que detectamos no restaurante da Casa Beatnik no propio hotel, no concello de Vedra: o despedimento como represalia por reclamar dereitos laborais.

Non podemos tolerar que en pleno século XXI, as traballadoras e traballadores teñan que temer polo seu posto de traballo simplemente por esixir o que lles corresponde por lei. Este restaurante parece ter unha política clara: se abres a boca para pedir o que é teu, vas á rúa.

Aínda que xa parece normal, isto nos afecta a todos os que traballamos na hostalería. Se permitimos que estas prácticas se normalicen, se miramos para outro lado, estaremos dando vía libre a que outros empresarios fagan o mesmo. Os nosos dereitos non son un favor, son froito de anos de loita, e non imos permitir que nos os arrebaten por medo.

Este tipo de despedimentos non só son inxustos, senón que son ilegais. E desde a CNT non imos quedar de brazos cruzados. Imos denunciar estas situacións e apoiar a todas as traballadoras e traballadores que se vexan nesta tesitura.

Este caso en Casa Beatnik debe servir de advertencia. Queremos deixar claro a todos os empresarios da hostalería que non imos tolerar que se utilice o despedimento como ferramenta de coacción. Reclamar os nosos salarios, os nosos descansos, as nosas vacacións, non é un acto de rebeldía, é un dereito fundamental.

Desde a CNT pedimos que cese inmediatamente esta práctica de despedir ás traballadoras e traballadores por reclamar os seus dereitos, que se respecte a lexislación laboral e a dignidade de quen cada día fan posible que os seus negocios funcionen.

Call Now ButtonChámanos