Sei que onte se cumpriron tres anos. Máis de 1.000 días xa dende que aquel 8 de abril de 2003 un carro de matar norteamericano arrancara das xustas poutas da libreinformación os alentos de teu irmán José e do camarógrafo ucraíno Taras Protsyuk.
Tres anos dende a barbarie do hotel Palestina. Que paradoxal o nome, verdade? Tres anos dende aquel crime de guerra que hogano continúa no tempo, crebando a vida de todo un pobo, se cadra da humanidade, coma quen regaña un anaco de pan.
Crime de guerra si. José Couso, crime de guerra. Malia o que digan na Audiencia Nacional, audiencia de xordos e subordinados do imperio. Sei que así, como o que foi, asinades moitos dos vosos comunicados. Ti, teu irmán David, túa nai Maribel, amigos, compañeiros…, todos aqueles que loitades dende aquela por iluminar na escuridade, por remudar dalgún xeito ese ollo de xustiza que José levou durante anos apoiado no seu ombreiro dereito, para nos dar coñecemento, que é o que nos fai humanos.
Non podo negar, que cando en outubro de 2005 a Audiencia Nacional abriu dilixencias previas, cunha orde internacional de detención –por primeira vez na historia!– contra os tres militares estadounidenses imputados na morte de José, tiven a tentación de esperanzarme, de crer na xustiza. Efémera. Extinguiuse ao ler a decisión final da Audiencia, parcial, sen ter en conta as probas dos dous bandos por igual. Política, Javier. Sentenza política. Non hai que amolar de máis o emperador.
Doe, claro que non podes negar que doa. Como non vai doer a morte dun irmán? Quedoume a dar voltas nos miolos esa frase coa que comezabas a carta que enviaches aos xuíces da Sección Segunda do Penal da Audiencia Nacional, eses tres homes… non, homiños, porque non teñen altura moral nin corazón dabondo para ser chamados homes. Como pode ser? Disque un “acto de guerra contra un inimigo erroneamente identificado”, nin crime nin asasinato. Que guerra, Javier? Que guerra libraba José máis aló da que debe garantir o noso dereito á información? Se ata eu mesmo, dende o meu cómodo vivir na miña afastada vila galega, a milleiros de quilómetros de Bagdade, sabía que naquel máis que identificábel edificio que era o Palestina só había xornalistas!
Quero que saibas que a moitos de nós, anónimas almas, tamén nos doe. Dóenos que con José se perdera un anaco insubstituíbel de obxectividade, de realidade. Quen pode substituír unha vida? Dóenos a impunidade da xustiza, que pregou o seu orgullo, a súa suposta imparcialidade, diante do poder, fronte a esa cínica maquinaria pseudodemócrata que legaliza o asasinato. Dóenos o engano, a miseria deses medios de comunicación que acotío vos negan a voz, que non foron quen de publicar esa carta na que un irmán sen irmán cuestionaba a honorabilidade duns xuíces sospeitosos de traizoar a xustiza. Dixéchelo ti: na ditadura exércese a censura. En “democracia” simplemente se agacha a información. Que diferencia hai?
Mais a moitos si que nos chegan os vosos laídos. Tamén quero que saibas iso. E facémolos nosos. Sabemos que obviaron testemuños, que España tragou ante a nula colaboración da xustiza estadounidense para interrogar os tres soldados que mataron a José.
Sabemos que aquel 8 de abril os ianquis atacaron ata tres centros de prensa independente en Bagdade, que o Palestina non se bombardeara días antes porque o exército invasor sabía que alí había xornalistas de todo o mundo, que o carro de morte que levaban eses tres malpocados tivo tempo dabondo para identificar a José, a Taras e a todos os que ollaban incrédulos a destrución de Bagdag dende aquela xanela do Palestina.
Sabemos que foi un crime de guerra deliberado, cuxo obxectivo era pechar os ollos de vidro que lle amosaban ao mundo o xenocidio de Iraq. Teu irmán, como tantos outros, era un inimigo, unha luz na escuridade desexábel, unha ameaza para a impunidade imposta. Un estorbo. Neste que chaman Ano da Memoria, que quere lembrar o que aconteceu hai 75 anos, tamén debería ser unha obriga facer memoria recente. Lembrar a José Couso. Sei que dende aquí, dende Galicia, dende a terra que tamén é dos Couso, non se fixo xustiza con el. Sei que non nos implicamos todo o que deberamos. Descúlpanos se foi así.
Mais as bágoas, benquerido Javier, son salgadas, como as augas dese océano Atlántico que hai 37 anos viu nacer en Ferrol o teu irmán. E ese mar que separa Galicia dos asasinos de José está enchido delas. Para sempre. José Couso, crime de guerra.
por MANOEL SANTOS
(tirado de Galicia Hoxe)