No local da Comunidade de Montes en Mancomún de Serres tivo lugar o encontro cun grupo de traballadores e traballadoras de Muros, ante o que se expuxo o modelo sindical da CNT, baseado no desenvolvemento da implantación a través de seccións sindicais, fronte ao modelo delegacionista dos comités de empresa.
No encontro contouse tamén coa presenza de traballadores do GES de Muros, que desde hai anos protagonizan unha importante loita sindical no Concello, e con persoal doutros sectores, entre os que se destacaron as precarias condicións de traballo do persoal de limpeza.
Na reunión tivéronse en conta estas experiencias e preparáronse as liñas de nova implantación no futuro, entre as que se destaca o apoio ás reclamacións do persoal do Concello nos sectores máis precarizados e feminizados.
Desde CNT-Galiza valórase de maneira moi positiva o encontro, tanto por compartir experiencias con compañeiros cunha longa bagaxe na loita sindical coa CNT como por recibir novas preocupacións e inquedanzas doutras traballadoras, ás que a CNT se pon a disposición para mellorar as condicións de traballo de maneira inmediata.
A CNT agradece a súa presenza a todas as persoas que participaron no encontro e, por suposto, á propia Comunidade de Montes en Mancomún de Serres por ceder o seu local desinteresadamente para a celebración desta xuntanza.