A sección sindical da CNT no Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames ven de presentar varias denuncias na Inspección de Traballo polos incumprimentos da normativa laboral por parte da empresa concesionaria do servizo, Osventos SL.
En concreto, denuncian a ausencia de calquera tipo de avaliación e planificación de riscos, cuestións sobre as que as traballadoras non son informadas e que supón un perigo para ellas á hora de desenvolver o seu traballo como para os propios usuarios. Tamén se denuncia que non existe avaliación de risco psicosociais e un estudo ergonómico. Desde o sindicato mantense que estes incumprimentos da lexislación laboral son posibles tamén pola actitude proempresa das delegadas de persoal. Desde a sección sindical solicitouse esta documentación tanto á empresa como á delegada de prevención, negándose ambas a facilitala.
Tamén se presentaron denuncias pola ausencia dun plan permanente de formación para o persoal auxiliar, aínda que resulta obrigado tanto polo prego de condicións como polo convenio colectivo; a necesidade de implantar un protocolo de tempos como garantía de cumprir os tempos de atención ás persoas usuarias do servizo e de poder facer os desprazamentos con seguridade e a imposición de labores de servizo doméstico que exceden con moito as funcións de axuda no fogar do persoal auxiliar.
Con estas denuncias a sección sindical continúa o traballo iniciado hai uns meses no SAF de Ames, no que xa se presentaron varias demandas xudiciais, e insisten na necesidade de continuar na denuncia das precarias condicións de traballo no servizo, situación agravada tras anos de abandono e connivencia coas empresas por parte das delegadas da CIG. Por isto, a sección sindical da CNT pretendo ser un espazo de recollida de denuncias que precise facer o persoal, e invita a todas as compañeiras a deixar un modelo sindical inoperante e proempresa por unha alternativa fora dos comités de empresa na que todas as persoas participen como iguais e poidan defender os seus dereitos de maneira colectiva.