A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | U | V | X | Y | Z

Apuntes para unha enciclopedia histórica do anarquismo galego

Esta é a primeira actualización, correspondente ao ano 2020, destes apuntes. O traballo foi enriquecido coas colaboracións de moitas persoas a través do correo eliseo1967@gmail.com. Neste enderezo podedes enviar calquera correción ou contribución que queirades facer ás notas existentes.

Ademáis de engadir datos fornecidos polas persoas que se puxeron en contacto, o traballo avanzou co baleirado de diferentes publicacións e fontes arquivísiticas. A maiores, colocouse en letra vermella os nomes das persoas falecidas como consecuencia da represión ou da súa participación en actividades reivindicativas. Dese xeito se remarca a contribución de moitos homes e mulleres que padeceron a morte polo seu compromiso cunha mellora da sociedade na que vivían.

Explicación:

Estes apuntes para unha enciclopedia histórica do anarquismo galego forman parte dun traballo realizado por Eliseo Fernández para tentar organizar a información existente en moi diversas fontes sobre a historia do anarquismo na Galiza, sobre as persoas e os colectivos que tiveron algunha relación permanente ou temporal con este movimento. O obxectivo final é o de presentar unha visión global do movimento social que foi o anarquismo galego desde a perspectiva das historias individuais das persoas que protagonizaron aquela historia na segunda metade do século XIX e na primeira metade do século XX. A publicación en liña na web www.cnt.gal e a actualización periódica dos contidos forman parte dun proceso que, coa colaboración do público lector, da comunidade investigadora, e mesmo de persoas que teñan relación familiar coas persoas biografiadas, servirá para completar estes apontamentos, unha vez depurados de erros e matizados pola incorporación doutras perspectivas. Por natureza, un traballo deste tipo é sempre unha tarefa inacabada, mais a aspiración permamente é a de que a visión global da historia do anarquismo galego e das persoas que o protagonizaron sexa o máia ampla posible e, ao tempo, máis axustada á realidade histórica.

Este é un traballo que se enmarca dentro da corrente historiográfica que considera a prosopografía (o estudio das biografías das persoas protagonistas) como método da investigación dun acontecemento de carácter histórico. Un estudio das traxectorias biográficas das persoas relacionadas co movimento permite coñecer as características comúns das participantes, as traxectorias de cada unha das persoas, e a posible detección de roteiros comúns, tanto no que atinxe áos movimentos espaciais, como á evolución ideolóxica ou a outras características. Entre as investigacións de similares características cumpre sinalar de xeito destacado o Dictionnaire biographique du mouvement ouvrier français de Jean Maitron ou a Enciclopedia Histórica do Anarquismo Ibérico de Miguel Iñiguez (obra esta última coa que o autor ten colaborado), e toda unha serie de traballos realizados pola equipa dirixida por Horacio Tarcus (sobre a esquerda en Argentina), Carlos Zubillaga (sobre o movimento obreiro en Uruguay), o grupo “Els Invisibles” (sobre o anarquismo en Mallorca), Edgar Rodrigues (sobre o anarquismo en Brasil) ou María Teresa Martínez de Sas (sobre o movimento obreiro nos Paísos Cataláns). Cumpre resaltar que o método prosopográfico ten alcanzado certa importancia nas investigacións realizadas sobre movimentos sociais contemporáneos máis caracterizados pola participación colectiva das clases populares.

No caso do anarquismo galego será fácil constatar por medio deste traballo a similitude nas orixes e destinos dalgúns movimentos migratorios, así como a influencia das expulsións de militantes de países de América Latina; tamén se poden visualizar os diferentes ritmos da organización sindical segundo esteamos falando do mundo rural, vilego ou urbán, así como a maior ou menor influencia do anarquismo en cada un dos diferentes espazos xeográficos; e vaise saber algo máis dos efectos da represión, co coñecemento da mortandade en diferentes lugares, os cárceres aos que foron levadas as persoas presas ou tamén os lugares do exilio onde remataron establecéndose.

Nalgúns casos é preciso matizar que a existencia ou non de fontes pode dar un sesgo que cumpre ter en conta. É este o caso da abondancia de datos relativos a Ferrol que teñen unha explicación por ser esta a localidade orixe do autor e por ofrecer polo tanto unha maior facilidade de consulta de bibliotecas e arquivos, ou do acceso a testemuñas orais. Tamén é o caso da grande cantidade de información sobre A Coruña, motivada tanto polo feito de que boa parte da prensa anarquista foi publicada nesta cidade, ou do feito de que exista un importante fondo documental sobre o anarquismo coruñés procedente da Comisaría de Policía da Coruña no Arquivo Histórico Nacional de Madrid. Tamén cumpre ter en conta que a existencia de estudios de carácter local pode incidir en que existan máis ou menos datos dunha localidade. En calquera caso, e tendo en conta os posibles sesgos existentes, aínda é posible utilizar a información que ofrece este traballo para tirar algunhas conclusións e complementar investigacións que sigan outros métodos historiográficos.

Cumpre ter en conta que o que se ofrece á persoa que lea este traballo non é polo momento un conxunto de biografías, senón o resultado dunha colleita en fontes bibliográficas, arquivísticas, hemerográficas; os datos teñen unha procedencia moi diversa e van sendo incorporados progresivamente ao ficheiro. É por isto que existe información sobradamente coñecida sobre persoas e acontecementos que non está aínda incorporada, aínda que vaia ser engadida no futuro; o motivo é que para a incorporación de información é imprescible manter algunha orde que permita ter clara a información que xa foi incorporada e a que non está aínda incorporada. Dese xeito nalgún momento no futuro existirá unha boa parte do acervo documental sobre o anarquismo galego que estea valeirado neste documento de traballo.

Os datos existentes neste documento de traballo reproducen a información documental existente, evitando os xuizos de valores e as opinións persoais. É rigorosamente certo que os datos existentes están publicados ou se conservan en arquivos e hemerotecas, mais cumpre ter en conta que iso non significa que os datos sexan exactos ao cen por cen, pois tamén os libros de historia, as memorias persoais, e incluso as fontes arquivísticas conteñen erros. Uns erros que probablemente sexan moi abondantes no que atinxe á transcrición dos apelidos, pois foi moi normal que a transmisión dos nomes persoais incluise erros ortográficos, deturpación dos apelidos; tamén foi relativamente corrente que algunhas persoas mudasen algún apelido ou apelidos ao longo da súa vida, utilizasen pseudónimos e elixiran alternativamente algúns dos varios nomes de pila. O feito de que algunhas persoas tentaran eludir o servizo militar ou actuaran de xeito clandestino foron tamén motivos para evitar ofrecer datos exactos sobre a súa identidade.

O documento inclúe un numeroso grupo de persoas que tiveron relación co anarquismo en territorios fora da Galiza e dos que non existe a completa certeza da súa orixe galego, e ese é o motivo polo que despois do seu nome figura unha marca de identificación (*) que permite á persoa lectora saber que existe a sospeita da súa orixe galega polo seu apelido ou por datos significativos da súa traxectoria militante, mais que non existe absoluta seguridade. No proceso de actualización destes apuntes agardamos poder ir despexando esas incógnitas acreditando dalgún xeito a súa orixe vital e as circunstancias da súa posible relación co anarquismo galego. Tamén se destacou convenientemente resaltando en cor fucsia os apuntamentos biográficos de mulleres que participaron na historia do anarquismo galego ou que tiveron algunha relación co movimento, así como as persoas falecidas a consecuenciad a represión ou mortas en actividades reivindicativas, que van en letra vermella. Dese xeito facilítase o estudo separado da participación feminina no anarquismo galego e tamén se facilitará a visualización dos padecementos das persoas involucradas nas actividades libertarias; ao cabo, non está de mais lembrar que malia ser caracterizado por algunhas fontes como un movemento “violento”, ćumpre lembrar o que di sobre isto o historiador Miguel Iñiguez, ao sinalar que o anarquismo padeceu moito máis a violencia do que a exerceu.

Diante dos casos de homonimia (moi correntes nos apelidos máis comúns), evitouse na medida do posible a fusión de biografías de persoas diferentes (mais co mesmo nome), agás nos casos nos que existen datos claros que permitan identificalas con certa seguridade. É por iso que a persoa lectora atopara varias entradas co mesmo nome no caso de José Castro, Manuel López, Manuel del Río, e moitos outros, tentando evitar o erro de mesturar biografías de persoas distintas nunha única entrada. O feito de que moitas persoas foran citadas nas fontes orixinais únicamente polo apelido ou só polo primeiro apelido, pode levar tamén a que existan datos biográficos dunha mesma persoa baixo diferentes entradas; sería o caso hipotético de que unha persoa fora citada indistintamente como “Castro”, “Manuel Castro” ou “Manuel Castro López”, en cuxo caso o criterio de prudencia aconsella separar os datos biográficos en tres entradas distintas e só unificalo se existe confirmación de que sexan a mesma persoa (se outra fonte bibliográfica, hemerográfica, arquivistica ou testemuña oral da unha información máis completa que confirma ou desminte que o sexan).

É importante ter en conta que a orientación ideolóxica da militancia (e mesmo das propias sociedades obreiras) non sempre estivo perfectamente definida. En todo o tempo, existiron persoas que non se aliñaron de xeito claro nunha corrente ideolóxica, mais participaron en sociedades obreiras ou iniciativas ligadas ao movimento obreiro, e que tiveron relación co anarquismo. A presencia dunha persoa nestes apontamentos non indica unha identificación clara co movimiento anarquista, senón a existencia dalgún ponto en común ao longo duntra traxectoria vital, a existencia dalgún feito (os recollidos na entrada biográfica) que fixo que fora tido en conta para ser incorporado a esta recompilación de datos. Cumpre ter en conta que era corrente colaborar económicamente coa familia dun preso anarquista ou desempeñar un cargo nunha sociedade obreira vencellada á CNT sen ser militante anarquista ou mesmo tendo militancia en organizacións políticas sen relación co anarquismo. Os datos deste tipo que se inclúen no traballo facilitan a percepción das relacións do anarquismo con outras tendencias da esquerda e coa sociedade no seu conxunto.

Co obxectivo de completar a información existente sobre as persoas citadas, agradécese a comunicación de calquera dato que aclare, corrixa ou complete a biografia de cada unha das persoas, así como a remisión de fotografías que nun futuro poidan servir para convertir este traballo de recompilación de datos biográficos nunha publicación máis atractiva e amena. As comunicacións poden dirixirse ao correo electrónico

eliseo1967@gmail.com

Para facilitar a incorporación da información a este traballo é moi importante indicar o nome da persoa da que se ofrece información e na medida do posible enviar tamén documentación que poida servir para confirmar os datos ofrecidos. A información sobre os lugares e datas de nacemento e morte, así como os lugares de residencia, os parentescos familiares con outras persoas militantes, son moi valiosos para resolver dúbidas e completar do mellor xeito posible as entradas biográficas.

Ao cabo, convidamosvos a colaborar colectivamente neste “monte común” de información sobre o anarquismo galego, recuperando os nomes de moitos homes e mulleres que traballaron colectivamente por un mundo máis xusto e igualitario, lembrando as súas traxectorias coas súas luces e sombras, e recoñecendo ao poderoso movimento social que constuiron na Galiza até o ano de 1936. A represión instaurada polos golpistas rematou co movimento, asasinou, encarcerou ou levou ao exilio á súa militancia, e destruiu de xeito sistemático a súa memoria. E, malia todo, aínda estamos a tempo para facer algo para reconstruir a historia do anarquismo galego: un movimento caracterizado polo seu traballo desinteresado e constante a prol das clases traballadoras do noso país, que paga a pena lembrar, ao tempo que se lembra a cada unha das mulleres e homes que o fixeron posible.

Call Now ButtonChámanos