Xornada histórica na folga da CNT no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

  • As traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar secunda a folga da CNT
  • Á concentración á porta dos servizos centrais do organismo acudiu persoal de todos os lugares da Galiza
  • Esta xornada serviu como comezo das mobilizacións, protestas e paros que están por vir

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar viviu este 18 de febreiro unha histórica protesta das súas traballadoras e traballadores na primeira xornada da folga convocada pola CNT.


No acto central desta primeira xornada da folga por volta de 300 traballadoras concentráronse na sede central do Consorcio en San Lázaro (Compostela) chegadas de todos os puntos de Galicia para amosar o seu rexeitamento ás políticas laborais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que mantén á maioría da plantilla en fraude de lei e abuso de temporalidade desde fai anos. A afluencia a esta concentración é dobremente meritoria non só pola gran cantidade de traballadoras que participaron, senon tamén por superar dificultades como os peches perimetrais, a dispersión xeográfica e os servizos mínimos abusivos. Incluso moitas traballadoras foron chamadas esta xornada para vacinarse contra o COVID19 o que impediu a súa presencia na concentración. A xornada deixou tamén unha importante protesta nas redes sociais onde traballadoras en servizos mínimos amosaron o seu apoio á xornada de folga.


A CNT valora moi positivamente esta xornada de folga. Segundo os datos do sindicato, a participación na folga foi elevada, a pesar dos servizos mínimos abusivos que na práctica supuxeron limitar o dereito de folga para a metade do plantel e, que nos casos dos centros de traballo con menos persoal, chegaban ao 100% das traballadoras. Nesta xornada constatouse a adhesión á folga na maioría dos centros de traballo da rede do Consorcio en toda Galicia onde, ademáis, existiu un importante impacto na prestación do servizo habitual.


Da CNT considérase urxente iniciar as negociacións sobre o fondo da cuestión, xa que as primeiras respostas transmitidas desde Función Pública a raiz do inicio da folga limítanse a cuestionar a base da petición das traballadoras do Consorcio sen ofrecer ningunha proposta alternativa nin admitir escoitar outras posibles solucións por parte do sindicato. Desde a CNT recórdase que A Xunta e o Consorcio están legalmente obrigados a negociar coas folguistas.


Este primeiro día de folga supón só “o comezo de novas mobilizacións, protestas e paróns que continuaran a ser anunciadas pola CNT até que a Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a Dirección Xeral de Función Pública se sente a negociar unha solución ao ERE de mulleres que están a levar a cabo no Consorcio”. Desde a CNT anímase ás traballadoras a continuar activas para acadar a presión necesaria e así obrigar á Xerencia do Consorcio e á Xunta de Galicia a negociar unha saída ao conflito actual. Para isto, sinálase a importancia da participación na seguinte xornada de folga que será o vindeiro xoves 25 de febreiro coa convocatoria dun paro de 8 a 11h.


AS QUE ESTAMOS, QUEDAMOS…. E LOITAMOS!!

Call Now ButtonChámanos