Valoración do anuncio de fixeza na reforma do EBEP

Nos últimos días veñen de filtrarse noticias referidas ao trámite parlamentario da reforma do EBEP. Segundo estas noticias, o trámite non se completaría até o mes de outubro e suporía a posibilidade de que o persoal interino de máis de 10 anos poderá obter directamente a praza sen oposición, directamente por un concurso de méritos.

Desde a CNT queremos insistir en que hai que ter cautela con este anuncio xa que está por ver o alcance final da reforma e a redacción do texto final despois do trámite parlamentario.

Seguindo a liña habitual do sindicato, en canto vaia estando dispoñible  información máis tanxible irémola analizando e trasmitíndoa. De momento, a día hoxe, nin sequera hai certeza de se esta medida se vaia extender do funcionarado interino ao persoal laboral en fraude de lei. Tampouco hai seguridade sobre se a limitación para habilitar o concurso é que as prazas foran convocadas formalmente e publicadas as bases do proceso ou simplemente ofertadas a través dunha oferta pública de emprego. Así mesmo tampouco se sabe se este concurso de mérito será de concorrencia aberta ou restrinxido ao persoal que ocupa os postos en fraude. E tampouco nin sabemos se as administracións poderán sortear este anuncio de reforma simplemente publicando as bases e as convocatorias das prazas que lles interese durante o mes de agosto e setembro. 

Finalmente, debemos valorar que a medida é puramente aleatoria, moi restrictiva e elude grande parte da responsabilidade da administración, única culpable do abuso de temporalidade e da práctica continuada de contratacións ilegais. En realidade, parece que o que se intenta desde o Goberno é evitar o pagamento das indemnizacións máis altas, xa que a antigüidade de dez anos non obedece a ningún criterio obxectivo nin legal. Desde o sindicato consideramos que a medida debería extenderse á práctica totalidade das prazas ocupadas por persoal temporal, sendo como é evidente a estruturalidade de practicamente todas as prazas ocupadas por persoal temporal na administración, con independencia da súa antigüidade, e ficando xa fora de toda dúbida que todas as prazas vacantes con máis de tres anos de temporalidade están en fraude de lei e que todas as prazas con contratos de obra ou servizo ou de indefinición non fixa están en fraude de lei desde o primeiro día.

A día de hoxe, lembramos que a situación continúa igual e que a nosa recomendación é seguir mantendo a presión na rúa para que as modificacións sexan o máis favorables posibles para todo o persoal en situación de fraude e abuso de temporalidade.

Call Now ButtonChámanos