Persoal de Amtega solicita a ampliación do teletraballo

A Sección Sindical da CNT na Amtega solicita que se amplien os permisos de teletraballo ante a fin do período excepcional do permiso e a incorporación do persoal da Amtega aos seus postos físicos de traballo distribuídos polas distintas oficinas que dispón a Amtega nos edificios da Xunta de Galicia.

Consideramos que actualmente seguimos nunha situación de excepcionalidade debido ao alto número de casos COVID-19 en Galicia, que se incrementan día a día, e sabemos que moitos dos traballos do persoal da Amtega pódense realizar sen problemas na modalidade de teletraballo (xestión de proxectos, administración de sistemas…), e así quedou demostrado nos períodos de alarma e nova normalidade, nos que este persoal non deixou de traballar e os servizos nos que traballaron funcionaron con normalidade.

Os labores que realiza a maior parte do persoal da Amtega pódense desenvolver con total eficacia independentemente de estar fisicamente na oficina ou de teletraballar, xa que o persoal doutros departamentos co que traballamos habitualmente non está fisicamente na mesma localización polo que estas relacións xa se veñen desenvolvendo a través de aplicacións específicas (xestores de traballo), teléfono, email ou videoconferencia. Moito deste persoal son de empresas externas que nin sequera están localizadas na mesma cidade. O único caso no que a presencia física era requerida antes da pandemia era nas reunións pero que actualmente foron substitutas por videoconferencias.

Na situación de pandemia actual, canto menos persoal esté nas oficinas e nas reunións presenciais menor riscos de contaxio existe e, polo tanto, menor probabilidades de que un servizo teña que parar. Este risco de parada do servizo é menor se ademáis establecesen quendas para ir a traballar. Deste xeito reduciríase tamén o uso dos medios de transporte, e así o risco de contaxio e o impacto na contaminación e no cambio climático.

Ademais o teletraballo pode permitir unha mellor organización das horas de traballo e unha mellor atención á familia, sobre todo en caso de incidencias co COVID-19 e ante a actual falta de comedores escolares e actividades extraescolares.

Por todo isto solicitamos que se amplien os permisos de teletraballo ao persoal que voluntariamente así o solicite e cuxas tarefas do posto permitan teletraballar en casa con normalidade, ou que cando menos, se conceda o teletraballo de 3 días contemplado na Orde do 20 de decembro de 2013, pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo do persoal público no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade.

Sección Sindical CNT AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Xunta de Galicia)

Call Now ButtonChámanos