O GES de Castro Caldelas consegue a fixeza dos seus contratos de traballo

  • Traballadores do GES de Castro Caldelas conseguen o recoñecemento da fixeza da relación laboral
  • O Concello é condenado por fraude de lei na contratación e obrigado a converter en fixos os contratos dos seus traballadores

Seguindo o camiño aberto pola sección sindical da CNT no GES de A Guarda, o GES de Castro Caldelas consegue que se recoñeza o carácter fixo dos seus contratos de traballo. Contrariamente aos argumentos esgrimidos polos sindicatos de concertación en canto que en realidade non son traballadores fixos, apuntalando así as prácticas ilícitas da administración, ven de recoñecerse o dereito dos traballadores e as traballadoras do GES de Castro Caldelas a ser considerados fixos e a converter os seus contratos temporais en fixos.

A sentenza emitida polo Xulgado de Ourense asume as argumentacións coas que a CNT conseguiu a fixeza do GES de A Guarda, de forma que tamén acredita que “os postos son de carácter estructural e non pode sustentarse a suposta temporalidade” e que “a contratación fraudulenta dos actores ha de levar á declaración da súa fixeza habida conta de teren superado un concurso oposición conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade“.

Remarcan desde a CNT que a sentenza sinala a mala fe e a vontade de actuar contra os dereitos dos traballadores por parte da corporación municipal da Castro Caldelas: “é a Administración Pública a que optou por unha contratación temporal fraudulenta cando os postos de traballo eran de natureza estrutural e polo tanto debería ter sido convocados como fixos desde o principio, sen que o feito de que a propia Administración tivera utilizado un proceso selectivo público sen respectar todos os requisitos estabelecidos no Convenio Colectivo de aplicación poda ser utilizado como un argumento en contra dos intereses dos traballadores.

Desde a CNT afirman que xa teñen presentadas máis demandas similares para o resto do persoal do servizo, e que continúan o resto de demandas interpostas contra o Concello, que agardan que se resolvan favorablemente en breve.

Call Now ButtonChámanos