Medidas da volta ao curso escolar esixidas pola CNT Galiza

  • Dende o sindicato esíxese que a Xunta cumpra para conseguir un regreso ás aulas que garanta a igualdade entre o alumnado
  • As medidas recollen aspectos dos ámbitos organizativo, acompañamento social seguridade e saude laboral e prevención de riscos.
  • Estas propostas deben supoñer apenas unha punta de lanza que dea pe a unha mobilización permanente

Tras a asemblea do ensino levada a cabo no sindicato, a CNT Galiza expón algunhas das medidas básicas que esixe á Xunta para unha volta ao curso escolar que non supoña o risco actual para toda a poboación galega. O goberno autonómico debe ter en conta que esta Emerxencia Sanitaria xera unhas enormes desigualdades que van máis aló do meramente sanitario. Os aspectos sociais e económicos do momento actual poden supoñer para a clase traballadora unhas débedas dificilmente superables nun futuro próximo. Así, a CNT considera fundamental que o curso se desenvolva sempre que sexa posible “de forma presencial xa que é a única forma que garante a igualdade entre o alumnado“.

Organización do traballo

A garantía da igualdade e atención á diversidade do alumnado é unha das medidas fundamentais presentadas polos traballadores e traballadoras do ensino da CNT. A Xunta deberá facerse cargo da posta a disposición dos medios necesarios e dos gastos que se poideran incurrir no caso de necesitar levar a cabo as aulas de maneira virtual. Esta medida afecta tanto a profesores e profesoras como ao alumnado dos centros escolares.

Unha das situacións máis escandalosas que estamos a vivir coa situación de Emerxencia Sanitaria actual é a tan alabada conciliación falsamente permitida polo teletraballo. Deste xeito, profesores e profesoras que tiveron que traballar de xeito virtual viron como as súas xornadas se alongaban até a extenuación sen ter un horario determinado para o remate da súa xornada. Por iso, a CNT esixe a “garantía da desconexión dixital do persoal, de forma que a partir da hora de finalización da xornada, calquera comunicación de carácter laboral sexa sancionada e considerada como hora extraordinaria a efectos de aboamento“.

No aspecto organizativo, e como vén sendo habitual noutros momentos históricos de similares necesidades e lugares distintos do Estado español, dende a CNT-Ensino pídese a redución das ratios de alumnado, a contratación necesaria tanto do profesorado como do persoal non docente necesario para cumprir coas ratios e os protocolos sanitarios adecuados e a habilitación doutros espazos públicos ou privados para a imparticación das aulas garantindo condicións de non masificación.

Traballo seguro e prevención de riscos

Fronte á situación de desorganización e descontrol actuais, a CNT demanda a “elaboración de protocolos claros para o caso de contaxio, tanto para o alumnado como para o persoal dos centros“. Ademáis, “o servizo de prevención da Xunta de Galicia deberá iniciar de maneira inmediata a avaliación dos centros de ensino de maneira que se teñan en conta todos os postos de traballo e todas as funcións do persoal, sen esquecer o impacto das posibles medidas de traballo a distancia, prestando especial atención á emerxencia de novos riscos psicosociais asociados ao traballo a distancia“.

Todas estas medidas e elaboración de protocolos deberán completarse coa adecuación e adaptación dos centros, entornos e postos de traballo pola parte da Xunta ás medidas requeridas pola situación actual. Estes gastos corresponderán á Xunta sen que poidan imputarse aos orzamentos dos centros educativos.

Será necesaria a contratación do persoal necesario para a limpeza, desinfección, atención escolar en comedores e autobuses así como todos os postos e tarefas adicionais xerados pola situación de Emerxencia Sanitaria. Mención especial merece a “contratación extraordinaria de persoal de limpeza para garantir estas mediadas hixiénicas“. Todo isto deberá ir acompañado da presenza obrigatoria de persoal sanitario en todos os centros de ensino.

Medidas de acompañamento social

Por último, o sindicato considera tamén imprescindible a conciliación da vida laboral e persoal. Para isto, os pais e nais que conten con fillos en situación de corentena forzosa por contaxio ou contacto estreito con outras persoas contaxiadas poderán acollerse á lexilación vixente recollida dentro do artigo 39.3 da Constitución e do artigo 37.3 do Estatuto dos Traballadores para obter o correspondente permiso con soldo.

Folga do ensino e mobilización permanente

Dende a CNT apoiamos as folgas dos vindeiros días 10 (infantil, primaria e E.E) e 16 (resto do ensino) e exortamos á clase traballadora do sector a non limitar as reivindicacións a estas datas. Tras anos de saqueo da ensinanza pública en favor da ensinanza concertada e privada, a situación de Emerxencia Sanitaria non pode resultar unha nova ocasión para novos recortes. O sindicato chama a unha mobilización permanente con medidas de mellora e recuperación de dereitos que poidan ser evaluados por unha Comisión de seguimento.


    
    
Call Now ButtonChámanos