Desconvocatoria da folga da CNT no Consorcio IeB

  • Alcánzase acordo co Consorcio para evitar a folga prevista coincidindo co inicio de curso
  • O acordo establece a negociación de boa fe entre CNT e o Consorcio
  • Quedan paralizadas as convocatorias de prazas do Consorcio incluídas na OPE 2020

O conxunto de afiliadas e afiliados da CNT no Consorcio galego de Servizos de Igualdade e Benestar corroborou este mércores 1 en asemblea o principio de acordo entre o comité de folga da CNT e o Cosnorcio tras as negociacións efectuadas este martes 31 e o pasado xoves 26 de agosto.

O acordo sometido a ratificación da afiliación na asemblea da sección foi o seguinte:

O Consorcio comprométese a negociar de boa fe mediante reunións periódicas, as propostas relativas ás solucións da especial situación de temporalidade estrutural do Consorcio. As reunións terán lugar aproximadamente cada 15 días, sendo a primeira o día 15 de setembro.

O Comité de Folga está conforme en desconvocar a folga para dar tempo a negociar propostas, sen prexuízo de que tal desconvocatoria é temporal, de xeito que se da negociación non se obtén unha solución acorde aos seus intereses para as persoas en situación de precariedade estrutural, convocaría, no seu caso, nova folga. As propostas que se realizarán terán en conta a totalidade da normativa, e non se vinculan a ningunha eventual norma futura e concreta (previsibles emendas á reforma do EBEP anunciadas en sede parlamentaria), na medida en que as propostas anunciadas non solventan, a entender do comité de folga, a especial situación do Consorcio. A primeira proposta é a consideración de persoal a extinguir, sen prexuízo de outras posibles propostas de solución de conformidade coa legalidade vixente.

Este acordo implica diversas cuestións importantes:

En primeiro lugar, o Consorcio recoñece que o caso de especial e masiva temporalidade no seu persoal é excepcional, e polo tanto as solucións que se propoñan deberán ter en conta esta excepcionalidade respecto doutros entes ou servizos públicos.

En segundo lugar, recoñécese que a legalidade e a normativa actuais poden ser suficientes para atopar estas solucións excepcionais, e polo tanto desvincúlase o acordo que poida reparar esta temporalidade estrutural de calquera modificación legal, sexa do EBEP ou calquera outra.

En terceiro lugar, a sección sindical da CNT resérvase exercitar en calquera momento o seu dereito a unha nova folga se as negociacións non avanzan na solución dunha solución real e ampla para todo o persoal do Consorcio que se atopa en situación de fraude de lei e abuso de temporalidade.

Desde xeito, na primeira reunión, que terá lugar a mediados de setembro, as partes analizarán a figura do persoal a extinguir, e a súa viabilidade técnica e legal e o alcance da súa eventual aplicación ao Consorcio IeB, sen prexuízo de explorar outras alternativas nas seguintes reunións.

De igual maneira quedan paralizadas as convocatorias do Consorcio incluídas na OPE 2020, situación que desde o sindicato enténdese que debería ser extensiva a todos os procesos pendentes que afectan ao persoal público temporal en fraude e abuso de temporalidade no entanto non se aclare a lexislación a aplicar e non se exploren solucións excepcionais para o masivo abuso de temporalidade que afecta ao emprego público na Galiza.

Desde o sindicato e a sección sindical valórase o acordo tomado “con moita cautela” e ínstase a todo o persoal do Consorcio a continuar coas mobilizacións para a defensa dos seus postos de traballo. Este inicio de negociacións valórase como un primeiro paso importante pero vese o perigo de que sexa un pacto baleiro e sen efecto se desde o Consorcio non se avanza na procura dunha solución para todo o persoal, polo que a mobilización do persoal debe ser constante e ir en aumento se non se propoñen ou aceptan solucións reais por parte do Consorcio.

Call Now ButtonChámanos