A CNT solicita reunirse coa FEGAMP

  • A CNT solicita unha reunión con Alberto Varela Paz, presidente da FEGAMP.
  • O sindicato considera que dende a Federación Galega de Municipios e Provincias teñen tamén a obriga de buscar unha solución para as traballadoras dos centros sitos nos distintos Concellos da Galiza.
  • As traballadoras do Consorcio Galego presentarán as propostas desenvolvidas co sindicato para rematar coa fraude de lei no organismo público.

A CNT continúa insistindo na súa estratexia para rematar coa fraude de lei na contratación das Administracións Públicas. Deste xeito, solicita unha reunión de maneira urxente e inmediata con Alberto Varela Paz, presidente da Federación Galega de Municipio e Provincias, co fin de analizar diferentes solucións á situación do persoal e a súa situación ante a próxima execución da OPE na que se ofertan as súas prazas. No escrito que se envía dende o sindicato se recolle que a práctica totalidade do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en todas as súas áreas e departamentos, se atopa en situación de fraude de lei na contratación e de abuso de temporalidade, en moitos casos desde o ano 2007. A Oferta Pública de Emprego na que se incluirá a práctica totalidade das prazas do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar convocada pola Xunta de Galicia non so non é unha resposta eficaz para paliar a enorme temporalidade do emprego na administración, senón que supón unha medida de moi forte impacto sobre o persoal que padece esta situación de abuso e fraude durante máis dunha década.

Por outra banda, o sindicato tamén incide en que a inmensa maioría do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está formada por traballadoras, e que de executarse o plan previsto pola Xunta produciríase unha casuística de discriminación indirecta por razón de sexo. Esta situación prodúcese sen que nin a Xunta de Galicia nin o Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar levasen tomasen ningunha medida en catorce anos para poder corrixir a fraude cometida. Precisamente o transcurso dun período tan longo de tempo multiplica os efectos negativos que o mantemento da fraude e o abuso teñen no persoal que padece esta situación. Amáis do impacto en materia de igualdade que repercutiría no usuariado dos servizos do Consorcio.

A execución deste proceso ilícito non só suporía a pérdida de emprego para unha parte importante do persoal, senón que tamén terá unha forte repercusión económica, toda vez que estes cesamentos serán considerados despedimentos improcedentes ou nulos dadas as ilicitudes das que adoece a devandita OEP, o que implicará o pagamento de altas indemnizacións (entre 10.000 e 20.000 euros por cesamento) ou a existencia de postos duplicados, consecuencias económicas que tamén recaerán nos concellos afectados por unha práctica unilateral da Xunta de Galicia.

Dende a CNT se continúan realizando propostas e solicitando reunións co fin de buscar unha solución adecuada a un problema xerado pola Xunta de Galicia e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar como únicos responsables da situación de fraude e abuso na que se atopa o seu persoal laboral.

Call Now ButtonChámanos