A CNT rexistra as alegacións contra o Acordo de Teletraballo da Xunta

A CNT ven de presentar alegacións ao borrador do Acordo de teletraballo que negocia a Xunta de Galicia cos seus sindicatos, e que será de aplicación para todo o persoal público da Xunta e entes instrumentais asociados.

O borrador empeora claramente a situación actual do teletraballo, choca directamente coa lexislación en varios aspectos, perxudica a conciliación familiar e sitúase fora da realidade actual respecto desta modalidade non presencial tras a experiencia no estado de emerxencia.

Primeiramente a falta de criterios obxectivos establecidos permitirá, como ata agora, que quede a discreción por parte das unidades organizativas a concesión do dereito. Faise obrigatoria a realización dunha avaliación de todos os postos de traballo para determinar a súa posibilidade de inclusión ou non no réxime de teletraballo explicitando as consideracións técnicas sobre a exclusión dos postos que se determinen imposibles de adaptarse. Esta mesma avaliación deberá determinar con criterios obxectivos a presenza diaria mínima obrigatoria en cada unidade. Desta maneira o criterio será máis obxectivo e coñecido ao estar vinculado á RPT, e salvo causas moi xustificadas por razóns de servizo, non debería plantexar dificultade para o exercicio do dereito “desde o primeiro día”.

Respecto da distribución horaria da xornada non presencial xa son varias as sentenzas e as propias resolucións da Xunta onde se indica que non debe haber cambio algún respecto da modalidade presencial. Non ten sentido polo tanto a limitación xeralizada ao 50% na súa aplicación.

Tampouco se entenden as limitacións nos horarios de conciliación, vía redución de xornada e flexibilidade, que marcan xa unha a distribución horaria que está reflectida na Lei, e que vía acordo, se pretende limitar atentando así contra a conciliación familiar.

Faise necesaria tamén, a eliminación do requisito de dispoñer dun espazo de traballo que cumpra coas condicións establecidas pola normativa vixente en materia de prevención de riscos. Segundo a propia normativa vixente en materia de prevención de riscos esta é unha obriga do empregador. Respecto deste tema, solicitamos a elaboración dunha avaliación de riscos específica para os postos en réxime de teletraballo, facendo especial fincapé nos riscos psicosociais, e integración efectiva destes riscos na planificación preventiva.

Como última medida, pero non menos importante, instamos á elaboración definitiva do plan de igualdade da Xunta de Galicia e inclusión no seu diagnóstico dos usos do teletraballo desglosados por sexo. Introdución de medidas específicas de desagregación por sexos, diagnóstico, avaliación e adopción de medidas preventivas desde a perspectiva do efecto adverso que o teletraballo pode provocar en persoas con cargas familiares

Para concluír, non pretendan as partes asinantes empeorar desta maneira os dereitos que a día de hoxe xa teñen as traballadoras e traballadores, porque como vimos demostrando antes e durante a emerxencia seguiremos loitando por eles.


    
        

Descarga as alegacións da CNT.

Call Now ButtonChámanos