A CNT consegue unha nova fixeza para o GES de Avión

  • O Concello de Avión é obrigado ao cambio de relación laboral cos traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) que deberán pasar a ser fixos.
  • Unha nova sentenza que segue demostrando a fraude na contratación pública destes empregados do sector de emerxencias.
  • A CNT consegue unha nova vitoria para asegurar uns servizos públicos de calidade grazas á estabilidade na contratación dos traballadores e traballadoras.

Os traballadores seleccionados para ocupar os postos de Peón do GES no Concello de Avión superaron un proceso selectivo con todas as garantías legais establecidas no marco xurídico do Estado. Por este motivo, a contratación por medio de contratos temporais dende o ano 2013 supón un fraude de lei do Concello dende o primeiro día. A sentenza do xulgado do social número 3 de Ourense así o recolle e por isto condea ao Concello de Avión á modificación da relación laboral cos traballadores para que dende este momento pasen a ser empregados fixos do mesmo. É o propio xulgado quen dentro da sentenza expresa que “É a Administración Pública a que optou por unha contratación temporal fraudulenta cando os postos de traballo eran de natureza estrutural…” deixando claras as prácticas que se veñen repetindo nas Administracións Públicas Galegas e que dende a CNT se están denunciando dende fai varios anos.

O recoñecemento da fixeza dos traballadores faise en base á convocatoria dun “proceso selectivo, con valoración de méritos e capacidade e con probas obxectivas, sen que as bases do concurso foran impugnadas por ser nulas ou violar principios fundamentais…”. Neste caso, os traballadores do GES de Avión superaron dito proceso e, polo tanto, teñen dereito a que os seus contratos non sexan de carácter temporal. Dende a CNT seguiremos traballando para conseguir a contratación pública adecuada para que todos os cidadáns conten coas garantías dun servizo público que satisfaga as súas demandas.

Call Now ButtonChámanos