30 marzo: Folga no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar convocada por CNT

  • O persoal temporal en fraude reclama estabilidade no seu posto de traballo e a paralización da OPE que pode levar ao seu despedimento.
  • Realizase concentración de protesta ás portas da Xunta de Galicia en Compostela.
  • As primeiras valoracións sobre o seguimento da folga son positivas a pesar do abusivo dos servizos mínimos impostos pola Xunta de Galicia.

O persoal temporal do Consorcio afiliado á CNT decidiu en asemblea por ampla maioría convocar folga para defender os seus postos de traballo tras o anuncio da oferta de emprego público da Xunta do pasado decembro.

A folga convocada por CNT terá carácter indefinido no tempo, iniciándose o día 30 de marzo de 2021 e prolongarase cada martes en semanas alternas. A folga convocada por CNT ten como obxectivo regularizar a situación de todas as traballadoras temporais en fraude de lei e abuso de temporalidade independentemente da forma de acceso ao seu posto  (oposición, listas, subrogación,…) toda vez que a Xunta de Galiza ven de incluír a practica totalidade das prazas na última oferta de emprego público (OPE) a finais de 2020.

Todo o persoal pertencente ás escolas infantís da Galiña azul, centros de día, fogares residenciais e todos os centros de traballo da rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, incluíndo o persoal de servizos centrais, está chamado á folga. Esta situación é responsabilidade plena da Administración que, a día de hoxe, continúa a desoir as peticións de reunións realizadas pola CNT en canto as reivindicacións da folga.

A CNT traslada a súa total oposición ao decreto de servizos mínimos imposto pola unta de Galiza para a folga no Consorcio de Igualdade e Benestar por considerala arbitraria, desproporcionada e falta de motivación. A central sindical entende que con este decreto de servizos mínimos non queda garantido o lexítimo exercicio do dereito á folga do conxunto do persoal que traballa para o Consorcio.

Seguemento 

As primeiras valoracións de CNT sobre o seguimento da folga son moi positivas. Polos primeiros datos deste mesmo día, confírmase que son numerosas as traballadoras que están a secundar a folga na maioría dos centros de traballo do Consorcio, a pesar do abusivo dos servizos mínimos impostos pola Xunta de Galicia que abranguen á metade dea plantilla.

Desde CNT infórmase dunha importante participación do persoal temporal na folga, sendo pŕacticamente total nos servizos centrais e na rede de residencias e centros de día, con unha maioría de centros onde non se puido dar o servizo. Tamén hai un amplo seguemento na rede de escolas infantís aínda que con datos de participación máis desiguais.

O comité de folga insta á Xerencia do Consorcio a que faga públicos o desglose dos datos de seguimento pola tipoloxía do persoal e que indique todos os centros onde non se puido dar servizo.

Protesta en San Caetano e entrega sinaturas

Este 30 de marzo, o sindicato CNT arracou a folga cunha concentración de protesta organizada ás portas da sede da Xunta de Galicia no edificio administrativo de San Caetano en Compostela, que a pesar das restriccións, tivo unha importante participación.

Na concentración, fíxose un encendido chamado a defender os postos de traballo do persoal temporal en fraude de lei e abuso de temporalidade, e a paralizar a OPE 2020 namentres non se atope unha solución para a plantilla do Consorcio que garanta que todo o persoal que actualmente está traballando permaneza de forma estable no seu posto de traballo.

Por volta de unha hora as traballadoras e traballadores concentrados berraron consignas como “As que estamos quedamos”, “Fixeza xa”, “Feijóo escoita, o Consorcio en loita” ou “Non ao ERE ás mulleres”, referíndose neste último caso, á evidente discriminación por razón de sexo que se produciría de executarse o plan da Xunta.

Previamente ao inicio da concentración de protesta foron presentadas no propio Rexistro Xeral de San Caetano centenares de sinaturas recollidas na última semana entre o persoal do Consorcio para amosar o seu apoio á folga no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar que está realizando CNT como medida de presión para acadar as reivindicacións de estabilidade laboral do persoal temporal en fraude e abuso de contratación e no que se insta á Xerencia do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar a dialogar para buscar unha solución ao actual conflito.

Próximas mobilizacións

O persoal continuará coas protestas o vindeiro martes 13 de abril na seguinte convocatoria de folga no Consorcio cando CNT trasladará a mobilización ás portas do Parlamento de Galicia.

Tamén, ao igual que o resto do persoal temporal da Administración Pública, o persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar participará activamente na terceira caravana de coches prevista para o vindeiro domingo 11 en Compostela con motivo da convocatoria organizada a nivel estatal,  nun momento que é crucial para o futuro de decenas de milleiros de  traballadoras e traballadores dos servizos públicos que viven momentos de incerteza pola amenaza de despedimento logo de moitos anos de servizos á cidadanía e de padecer as ilegalidades levadas a cabo pola administración.

Call Now ButtonChámanos