13 Abril: Caceirolada ata o Parlamento pola fixeza das temporais do Consorcio galego IeB

  • Martes 13 abril nova xornada de folga do persoal do consorcio galego IeB reclamando estabilidade no seu posto de traballo.
  • Manifestación- caceirolada con saída ás 11:30 da Alameda de Compostela e final no Parlamento de Galicia
  • Chámase a participar a todo o persoal temporal das Administracións Públicas da caravana de protesta o domingo 11 de abril en Compostela

O vindeiro martes día 13 de abril con motivo da folga no Consorcio galego IeB, o seu persoal temporal continúa as protestas en defensa dos seus postos de traballo trasladando as mobilizacións ao Parlamento de Galicia en Compostela.

Así convócase unha ruídosa manifestación-caceirolada que partirá ás 11:30h da Alameda de Compostela e que,  tras un percurso polas rúas da cidade, rematará ás portas do Parlamento de Galicia na rúa do Hórreo.

Todo o persoal pertencente ás escolas infantís da Galiña azul, centros de día, fogares residenciais e todos os centros de traballo da rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, incluíndo o persoal de servizos centrais, está chamado á folga convocada por CNT ten como obxectivo regularizar a situación de todas as traballadoras temporais en fraude de lei e abuso de temporalidade independentemente da forma de acceso ao seu posto  (oposición, listas, subrogación,…) toda vez que a Xunta de Galiza incluíu a practica totalidade das prazas na oferta de emprego público (OPE) a finais de 2020.

Desde CNT faise tamén un chamamento a todo o persoal temporal da Administración Pública, incluído o persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a participar activamente na terceira caravana de coches prevista para o vindeiro domingo 11 en Compostela con motivo da convocatoria organizada a nivel estatal,  nun momento que é crucial para o futuro de decenas de milleiros de  traballadoras e traballadores dos servizos públicos que viven momentos de incerteza pola amenaza de despedimento logo de moitos anos de servizos á cidadanía e de padecer as ilegalidades levadas a cabo polas Administracións.

Call Now ButtonChámanos