Enquisa HostaleríaDigna

CNT reclama a fixeza do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

 

  • Presentado conflito colectivo pola fixeza do persoal temporal dos centros de día
  • O sindicato estuda reclamacións similares para outros colectivos de persoal do Consorcio

 

CNT vén de presentar conflito colectivo contra o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar reclamando a fixeza do persoal temporal e indefinido correspondente aos centros de día no Consorcio.

O persoal afectado por esta reclamación correspóndese co persoal que cubriu inicialmente os centros de día tras superar o correspondente proceso selectivo no ano 2007.

Actualmente, o carácter estrutural dos postos está máis que demostrado, estando recoñecida a irregularidade na contratación por parte da Xunta.

As traballadoras e traballadores afectados por esta situación veñen de organizarse na CNT co obxectivo de regularizar a súa contratación, seguindo o camiño aberto o ano pasado por este sindicato co persoal laboral do GES de A Guarda que obtivo a fixeza do seus contratos grazas á pioneira sentenza que revoluciona a contratación irregular do persoal público no estado español.

Desde a CNT analízanse outros colectivos de persoal correspondentes a outras áreas do Consorcio co obxectivo de presentar reclamacións similares.

CNT insta ao persoal afectado a «informarse e organizarse canto antes», pois é intención da Xunta e os seus burocráticos sindicatos obrigar a este persoal a pasar un novo proceso selectivo como parte dos procesos de estabilización do emprego público.

 

 

Sección sindical de CNT no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.