Enquisa HostaleríaDigna

A CNT logra a readmisión da traballadora despedida en BARTI SERVICIOS 2009

• A empresa cede ante as demandas da CNT e readmite á traballadora despedida

• A readmisión efectuarase cun contrato indefinido a tempo completo, co que a traballadora mellora as súas condicións previas

BARTI SERVICIOS 2009, empresa dedicada á axuda á domicilio, ante as demandas interpostas por despedimento nulo e cantidades por parte da CNT, acepta readmitir á traballadora despedida no seu posto de traballo. A demanda estaba motivada pola acción represiva da empresa ante a necesidade dunha traballadora desta empresa de acceder a unha baixa médica despois dun accidente laboral. A empresa despedira á traballadora alegando a finalización do seu contrato temporal, realizado en fraude de lei.

Con este acordo, que pon fin ao conflito, a empresa recoñece ao mesmo tempo a situación irregular do contrato de traballo, pasando a convertilo nun contrato indefinido a tempo completo. Desde a central anarcosindicalista valórase o acordo como «excepcionalmente positivo, o que demostra a efectividade das prácticas da acción directa e a negociación sen intermediacións para resolver este tipo de conflitos».

Desde a CNT anúnciase que se continuará coa vixilancia do acordo para evitar futuros incumprimentos, así como calquera outra práctica lesiva cos dereitos das traballadoras, e anima a todas as traballadoras do sector «a perder o medo e denunciar a situación case de escravismo na que desenvolven os seus traballos».