Enquisa HostaleríaDigna

Visto para sentenza o conflito colectivo da CNT pola consolidación

concentración CNT no TSXG

  • Concentración previa do persoal afectado ás portas do TSXG
  • Vergoñento silencio cómplice de CCOO, UXT e CIG

Este xoves 22 celebrouse no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en A Coruña a vista correspondente ao conflito colectivo pola consolidación que presentou CNT contra a Xunta de Galicia polos dereitos do persoal laboral temporal con antigüidade comprendida entre 1-7-1998 e 1-1-2005. Nesta reclamación colectiva reclámase que todo o persoal afectado polo proceso de consolidación comparta os mesmos dereitos independentemente da súa antigüidade.

Ao xuízo acudiu unha mostra do persoal afectado que realizou, de maneira previa, unha concentración ás portas do propio Tribunal baixo o lema "Polos dereitos do persoal temporal da Xunta de Galicia", para a continuación asistir como público á vista.

No acto xudicial comprobouse adhesión ao conflito colectivo de CNT dos sindicatos CUT e CSIF, e lamentablemente, comprobáronse tamén os silencios cómplices coa Xunta que mantiveron, por unha parte, CCOO durante a propia vista, e, por outra, UXT e CIG que nin sequera se presentaron no Xulgado.

No decurso do xuízo a Xunta tratou constantemente de xustificar a demora constante do proceso de consolidación durante os últimos 10 anos, con argumentos que, nalgún momento, provocaron a hilaridade do público asistente. Tras hora e media de vista quedou o conflito visto para sentenza.

Desde CNT agárdase que se solucione a situación das centos de traballadoras e traballadores que “tras 20 anos de servizo nas condicións máis precarias” da Administración Pública sofren “o desprezo da Xunta e do seu sindicalismo cómplice incapaz de facer cumprir os seus propios acordos e de ter a mínima integridade de posicionarse do lado dos traballadores/as”.

Por último desde CNT, “anúncianse próximas novidades” respecto do proceso de consolidación e lémbrase que haberá “unha nova oportunidade para retratarse” o vindeiro 13 de decembro cando se xulgará, tamén no TSXG, o conflito colectivo de CNT polo plus de equiparación do persoal informático da AMTEGA.

 

 

Afíliate! http://www.cnt.gal/?q=afiliate

 

Sección Sindical de CNT na Xunta de Galicia

sindicato-cnt@xunta.gal // galiza@cnt.gal

www.cnt.gal/?q=xunta