Preguntas frecuentes do persoal público temporal

Para tentar aclarar as moitas dúbidas que existen a respecto dos dereitos do persoal público temporal, CNT achega a seguinte información no formato preguntas e respostas que amplía o documento informativo de CNT sobre os procesos de Consolidación e Estabilización distribuído o pasado marzo.

Recompilaronse cuestións moi preguntadas a respecto dos procesos de estabilización e consolidación (a quen afecta?, como comprobar se estou incluída?, que facer nun despido?, a quen afecta o conflito colectivo de CNT polo tramo?,….) e das reclamacións de indefinición (por qué denunciar?, pódese reclamar a condición de fixo/a?,…). 

IMPORTANTE: DANSE RESPOSTAS XENÉRICAS A PREGUNTAS XENÉRICAS. AS SITUACIÓNS PARTICULARES PODEN SER VARIADAS E NON ENCAIXAR NA RESPOSTA ESTÁNDAR.

 

** PROCESOS DE CONSOLIDACIÓN E ESTABILIZACIÓN

 

Que é o proceso de consolidación e a quen afecta?

O proceso de Consolidación, recollido no Convenio colectivo e regulado no Acordo para a ordenación e mellora do emprego público no ámbito da Administración da Xunta de Galicia do 21 de abril de 2008 está dirixido ao persoal laboral temporal (por obra) e indefinido con antigüidade anterior a 1-1-2005 pertencente á XUNTA de GALICIA. Está dividido en 2 tramos:

  • Tramo 1: antigüidade anterior ao 1-7-1998. O proceso consistirá en un concurso de méritos. O persoal atópase na actualidade equiparado a persoal fixo de convenio.
  • Tramo 2: antigüidade entre 1-7-1998 e 1-1-2005. O proceso consiste en un concurso-oposición aberto. Sendo o temario do exame adaptado ao posto de traballo ocupado.

 

Como sei se teño o dereito á consolidación?

Este dereito do persoal laboral vén dado exclusivamente pola antigüidade. Polo tanto, se tes antigüidade anterior á 1-7-98 terías o dereito de tramo 1. Se tes antigüidade entre 1-7-1998 e 1-1-2005 terías o dereito de tramo2.

 

Como sei se xa teño recoñecido o dereito á consolidación?

Á única maneira de garantir que tes o dereito á consolidación é ter explícitamente recollida a reserva da túa praza na RPT do teu organismo/conselleria ou na toma de posesión, normalmente co texto “DISPOSICIÓN TRANSITORIA 10ª (1ª/2ª PARTE) DO V CONVENIO COLECTIVO ÚNICO DO PERSOAL LABORAL DA XUNTA DE GALICIA”.

De non ter explicitamente esta reserva NON terías recoñecido o dereito á consolidación.

 

Se pola antigüidade teño dereito á consolidación pero a Xunta non mo recoñece?

De non ter explicitamente reservada a praza para a consolidación NON terías recoñecido o dereito e deberías reclamar individualmente no xulgado que se te inclúa no proceso de Consolidación.

 

Se teño recoñecido o tramo 2 pero son de tramo 1 por antigüidade?

Deberías reclamar individualmente no xulgado que se te inclúa no proceso de Consolidación de tramo1.

 

Se son laboral temporal (de listas) teño dereito á consolidación?

Inicialmente non. Deberías reclamar a indefinición para que che consideraran o dereito ao proceso que che corresponda dependendo da túa antigüidade: consolidación tramo 1, consolidación tramo 2 ou estabilización.

 

Cales son os procesos de Estabilización?

A Estabilización derivada do Acordo de 21 de abril de 2008 afecta ao persoal laboral temporal da Xunta de Galicia anterior a 1-1-2005.

A Estabilización derivada do Acordo para o desenvolvemento dun plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos (DOG 7-2-2018) afecta a todo o persoal temporal anterior ao 31/12/2013, sexa persoal laboral temporal, indefinido ou interino DE CALQUERA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA.

 

Se son interina funcionaria non estou nos tramos da Consolidación?

O proceso de Consolidación é para o persoal laboral indefinido ou laboral temporal (de obra). Para o persoal interino funcionario e interino temporal aplícase o proceso de Estabilización. Para o persoal interino temporal depende de comprobar a existencia de fraude. Para o personal interino funcionario aplícase a DT 14ª LFP Galicia que se mantén vixente.

 

Se son anterior a 2005?

Para o persoal anterior a 2005, afectado por Consolidación ou Estabilización, sexa persoal laboral ou interino funcionario a fase de oposición (o exame) deberá ser sobre o posto de traballo que se ocupa e non sobre o temario xenérico.

 

Cal é a diferencia entre o tramo 2 da Consolidación e o proceso de Estabilización?

A Consolidación só é para persoal laboral temporal (de obra) e indefinido anterior a 1/1/2005. A Consolidación é un proceso máis garantista a nivel xurídico que o de Estabilización. Amais a fase de oposición (o exame) na Consolidación deberá ser sobre o posto de traballo que se ocupa.

 

Como será o concurso-oposición?

Para o 2 tramo de Consolidación e para o proceso de Estabilización trataríase dun concurso-oposición aberto. A fase de concurso puntuará polo valor máximo legal permitido e poderá ser obxecto de valoración entre outros méritos o tempo de servizos prestados á Administración.

Para o persoal anterior a 2005, sexa laboral ou interino funcionario a fase de oposición (o exame) deberá ser sobre o posto de traballo que se ocupa.

 

Antes do proceso podo ser despedido?

Non. O persoal temporal afectado por algún dos procesos non pode ser cesado ata que se faga efectivo o dereito a obtar á praza que ocupa.

Nembargante a Xunta adoita incumprir estos dereitos polo que recomendamos, segundo o caso particular, accións previas ao despido.

 

Se tras participar non logro superar estos procesos e son cesada, que se pode facer?

Tes dereito á indemnización por despedimento obxectivo de 20 días por ano traballado só se es persoal indefinido. Nembargante á Xunta non adoita indemnizar de oficio, polo que debería reclamarse dita indemnización nos 20 días seguintes ao despedimento.

 

Que ter en conta se son despedido/a?

O máis importante é que hai un prazo de 20 días para actuar xudicialmente desde o día do cese. Tamén é importante saber que en moitos casos, existen accións que se poden facer antes de sermos despedidas que afectan ao resultado das reclamacións posteriores ao cese.

 

Cando se realizarán os procesos?

Actualmente ningún destes procesos de Consolidación ou Estabilización ten unha data efectiva de realización nin se dispón de información concreta relativa a como van a ser as probas, os baremos, os temarios,…

 

 

** CONFLITO COLECTIVO DE TRAMO (http://www.cnt.gal/?q=node/2170)

 

Que reclama CNT co conflito colectivo de tramo?

CNT reclama que os dereitos do persoal encadrado no tramo1 da consolidación sexan de aplicación para o persoal de tramo2.

 

Poden apoiar outros sindicatos?

Aqueles sindicatos que acrediten lexitimidade poden personarse como parte na causa xudicial iniciada por CNT. Ben apoiando o argumentario de CNT, ben dando as súas respectivas razóns ou incluso posicionándose en contra.

 

A quen se lle aplicaría o resultado do conflito?

O resultado do conflito colectivo é de aplicación para todo o persoal implicado, persoal laboral temporal (por obra) e indefinido con antigüidade entre 1-7-1998 e 1-1-2005. Pero esta aplicación non é directa, pois debe presentarse unha demanda de execución da sentenza. CNT realizará esta execución de maneira automática para a súa afiliación implicada.

 

 

** RECLAMACIÓN INDEFINICIÓN E FIXEZA

 

Que é a condición de indefinido/a non fixo?

A condición de indefinido/a non fixo é unha figura xurídica que un traballador/a adquire ao demostrar xudicialmente, pola vía do social, un fraude na súa contratación. A fraude prodúcese cando se cubre un posto público estructural de maneira irregular, ben mediante un contrato temporal, ben mediante subcontratación irregular (cesión ilegal ou falsos autónomos/as).

 

Por qué denunciar a indefinición?

Recomendamos ao persoal laboral temporal (de obra ou de listas) a denuncia da súa situación irregular. Só o persoal que demostre a indefinición terá dereito a percibir indemnización de 20 días por ano en caso de despedimento. Amais doutros dereitos.

 

Pode o persoal interino reclamar a indefinición?

Existen sentenzas que permiten a adquisición desta condición para o persoal funcionario temporal (interino) pola vía do contencioso-administrativo. Non se trata dunha nova categoría de funcionarios/as senón da equiparación de condicións de traballo. Nembargante a xurisprudencia neste caso é complexa e cambiante polo que hai que tratar cada caso individualmente (AS ÚLTIMAS SENTENZAS DO SUPREMO DE 26 DE SETEMBRO DE 2018.).

 

Pódese reclamar a condición de fixo?

CNT vén de lograr pioneira sentenza do TSXG (http://www.cnt.gal/?q=node/2160) que abre o camiño a que o persoal temporal que entrara a traballar na Administración mediante un proceso selectivo cunhas certas características poida reclamar a condición de fixo.

 

** CNT

 

Qué é a CNT?

http://www.cnt.gal/?q=que

 

Cómo me afilio ao sindicato?

Afíliate! http://www.cnt.gal/?q=afiliate

 

 

Sección Sindical de CNT na Xunta de Galicia

sindicato-cnt@xunta.gal // galiza@cnt.gal

www.cnt.gal/?q=xunta

 

 

 

Call Now ButtonChámanos